Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A campaña Merca e Gaña polo Nadal comeza en Guitiriz

Por 19 Decembro, 2018Sin comentarios

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, acompañados de comerciantes da zona, informaron sobre a campaña Merca e Gaña polo Nadal neste Concello. A iniciativa ten coma obxectivo promover as compras nos comercios do concello durante este Nadal, a través de sorteos de premios por valor de 10.000 euros para seren reinvestidos en comercios da zona.

Merca e Gaña polo Nadal comezou o día 14 de decembro e desenvolverase ata o 6 de xaneiro. Durante este período, incentívanse as compras no comercio local con material promocional nas rúas dos 67 concellos ou en redes sociais co hashtag #nadalmercaegaña.

As persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros. Para elo, débese fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 11 de xaneiro. Máis información en www.nadalmercaegana.com.

Santos Ramos remarcou “a importancia deste tipo de actuacións conxuntas entre Deputación, Concellos e comerciantes, para fomentar as compras no comercio de proximidade, nos establecementos que todos temos a pé de rúa, que son os que realmente axudan a facer provincia. Por iso, dende o Goberno da Deputación cremos na importancia do pequeno comercio na xeración de emprego e riqueza non só no Concello, senón en toda a provincia”.

Polín Rodríguez apuntou que “parte importante do futuro de Guitiriz pasa pola boa saúde dos seus pequenos comercios, posto que son un pilar fundamental para o desenvolvemento da sociedade do Concello. De feito, trátase dun sector que dá traballo a unhas 50 familias do municipio, o que da mostra da importancia que teñen este tipo de iniciativas”.

Pola súa banda, Seijas López subliñou “a importancia de que a Deputación de Lugo e os 67 Concellos adheridos aposten por este tipo de campañas, fundamentais para a sostenibilidade económica dos nosos pobos e cidades. Executar esta iniciativa nestas datas tan sinaladas supón un valor engadido, posto que as vendas do Nadal constitúen o 25% do total das vendas de todo o ano ”.