Skip to main content
Actualidade

CC.OO propón melloras para o sistema de pensións e a rede de atención ás persoas maiores

Por 19 Decembro, 2018Sin comentarios

Comisións Obreiras (CC.OO.) presentou as principais conclusións do Observatorio social de las personas mayores 2018, elaborado pola Federación estatal de Pensionistas e Xubilados do sindicato. Tamén propuxo melloras tanto para o sistema público de pensións, como para toda a rede de atención ás persoas maiores, con especial énfase nas prazas en residencias da terceira idade.

Na comparecencia diante dos medios de comunicación tomaron a palabra o secretario xeral estatal da Federación de Pensionistas e Xubilados (FPX-CC.OO.), Julián Gutiérrez, o secretario xeral da FPX-CCOO de Galicia, Carlos Mella, e o secretario xeral de CC.OO. de Galicia, Ramón Sarmiento.

Segundo datos do Observatorio, Galicia ten 764.000 persoas pensionistas, que perciben unha prestación media de 793,34 euros mensuais. Isto significa que se sitúan entre as de menor contía de todo o Estado, onde a media ascende a 937,19 euros.

Por tipo de pensión destacan as de xubilación, pois supoñen máis da metade do total (62,3 %). Neste caso, a contía media en Galicia é de 904,32 euros mensuais, que novamente está a moita distancia do valor medio no Estado, que se eleva a 1083,67 euros. A galega é a segunda comunidade autónoma coa contía máis baixa, pois só Estremadura (892,67) ten peor dato. No polo posto sitúanse País Vasco (1339,27), Asturias (1315,14), Madrid (1277,27) e Navarra (1229,58).

O proceso de avellentamento da poboación non é homoxéneo no Estado español. O peso da poboación de más de 65 años sobre el total é especialmente relevante en Galicia, Asturias e Castela e León, onde se sitúa ao redor do 25 %. No polo oposto están Murcia e os arquipélagos das Baleares e das Canarias (15 %). Segundo datos recollidos no Observatorio, das dez provincias con maior porcentaxe de persoas de 65 anos ou máis, tres son galegas (A Coruña, Lugo e Ourense).

Déficit de recursos

O Observatorio realiza unha panorámica das condicións de vida das persoas maiores, o seu estado de saúde, os seus recursos tanto económicos como de protección social e os riscos específicos aos que se enfrontan, con especial atención ao sistema de pensións e ao sistema de atención á dependencia.

Neste contexto, CC.OO. chama a atención sobre o déficit existente en Galicia canto a prazas residenciais para a terceira idade, máis aínda tendo en conta o avellentamento da poboación galega. A comunidade autónoma ten unha das peores ratios neste sentido, pois só ofrece prazas para o 3 % da poboación maior de 65 anos.

Só o País Valenciano (2,9 %), a Rexión de Murcia (2,3 %), as Illas Canarias (2,2 %) e a cidade autónoma de Ceuta (1 %) teñen peor cobertura. As mellores ratios están en Castela e León (7,6 %), Castela-A Mancha (6,9 %) e Aragón (6,5 %). Cabe salientar que a comunidade con mellor cobertura é, igual que Galicia, unha das máis avellentadas; de feito, se Galicia ten tres provincias entre as dez con maior poboación da terceira idade, a comunidade castelán-leonesa ten seis.

Ante esta carencia, o secretario xeral da FPX-CC.OO. de Galicia instou as Administracións a se implicaren na procura de solucións. O seu homólogo estatal, Julián Gutiérrez, tamén se expresou no mesmo sentido, lembrando que con isto «conseguiríase xerar emprego». Pola súa parte, o secretario xeral de CC.OO. de Galicia lembrou o traballo realizado polo sindicato con proxectos como o presentado hai meses para converter o antigo Hospital Cíes de Vigo nunha residencia da rede pública, «pero as Administracións implicadas non parecen interesadas», lamentou Sarmiento.