O Parador de Vilalba venderá cuncas de chocolate solidarias este Nadal

Paradores de Turismo celebra o seu Nadal máis solidario doando á Fundación Juegaterapia o importe de todas as cuncas de chocolate que se vendan nas cafeterías dos 96 paradores desde o pasado 14 de decembro ata o 6 de xaneiro. En Madrid, Paradores instalará un foodtruck na Praza de Oriente durante a campaña para vender cuncas de chocolate solidarias.

O Parador de Vilalba venderá as súas cuncas de chocolate solidario no Comedor Enxebre da Torre dos Andrade, entre as 12:30 e 23:00 horas todos os días da semana.

Para Óscar López, presidente e conselleiro delegado de Paradores, “queremos facer visible o noso sólido compromiso coa mellora da sociedade. Non se trata dunha aposta coxuntural, senón que a acción social está no corazón da nosa estratexia corporativa. Paradores é unha empresa pública, de todos e todas, que traballa para devolver aos españois a confianza que depositan na nosa compañía”.

Coa campaña Sorrisos de Chocolate, Paradores quere poñer o seu graniño de area para que todos os nenos en tratamento oncolóxico poidan xogar e sorrir.

A Fundación Juegaterapia axuda aos nenos doentes de cancro a través do xogo. Recolle videoconsolas que a xente xa non usa e repárteas polas habitacións de oncoloxía pediátrica de todos os hospitais españois para que os pequenos pasen os seus ciclos de quimio xogando e esquecéndose da súa enfermidade. Tamén entregou videoconsolas en Portugal, Marruecos, Colombia, O Salvador, Afganistán, Brasil, India, Guinea e Guatemala. Ademais, Juegaterapia realiza intervencións de humanización de hospitais como Estacións Lunares e cines.

Etiquetas