Vilalba Aberta vincula a extensión do eucalipto cos ataques do lobo e xabaril

Vilalba aberta continúa coa súa loita diante do que, logo da celebración do pasado Pleno Ordinario, a formación define xa coma un “intolerable abandono de funcións” do alcalde, fronte aos continuados ataques de lobo e xabaril no conxunto das parroquias pertencentes ao Concello.

Un problema que denuncian coma “estrutural” para un modelo produtivo das características do de Vilalba, e que diante da “falta de implicación” dos Gobernos Municipal e Autonómico, está a ser “inxustamente custeado polas propias granxas”.

Neste senso, e ao tempo que aseguran non comprender como “o alcalde siga sen facer absolutamente nada, a pesares de ser perfectamente coñecedor da situación e de compartir militancia política cos responsables da Consellería”, Vilalba Aberta amosa a súa dobre indignación co feito de que o rexedor non estivera presente na xuntanza dos alcaldes de Xermade, Muras, Ourol, O Valadouro e Abadín e que se concretou nunha proposta en firme diante da devandita administración competente.

Na mesma liña pronunciabase o seu voceiro e edil, Modesto Renda, facendo fincapé na “insuficiente contía das compensacións económicas”, que só cobren “unha mínima porcentaxe do perdido” e que chegan “tras superar un labirinto burocrático e unha espera de tres anos ou máis”. A este respecto, lembra, que “os únicos danos polos que se poden reclamar estas “insultantes indemnizacións” son os producidos por lobos ou xabarís, quedando sen ningún tipo de cobertura outros moi comúns, coma os provocados por corzos, corvos ou cans salvaxes.

Para ilustrar esta problemática, Vilalba Aberta trasladaba as testemuñas anónimas de varias explotacións afectadas en diferentes parroquias do Concello. Unha situación, recollida de primeira man por Modesto Renda e que, ao respecto da problemática co xabaril, se cifraba en dúas granxas de Santaballa nun estrago de máis dun 15% da colleita.

“Os gandeiros están fartos xa de denunciar. Sabemos de casos de veciños aos que lles concederon unha axuda e de outros aos que non. Tamén se nos insiste en que cando se paga, en ningún caso se paga en tempo e forma.” Declaraba o edil.

Unha situación semellante é a denunciada por outro veciño da parroquia Corbelle, e que en palabras de Renda “se atopaba a pasada semana absolutamente desbordado logo de ver de novo estragados prados, millo e agora inclusive a horta”. Un veciño, denuncian dende Vilalba Aberta, que en 2017 e logo dun primeiro ataque “cumpría absolutamente todos os requisitos e prazos pero, logo de máis de ano e medio de espera, aínda non recibiu ningún tipo de compensación.”

 

A EXTENSIÓN DO MONOCULTIVO DE EUCALIPTO, UNHA DAS BASES DO PROBLEMA

A formación, que ao longo da lexislatura defendeu varias iniciativas contrarias á extensión desta especie arbórea, asegura que a extensión do monocultivo de eucalipto na Chaira está a incrementar a voracidade do xabaril, ao deixar a este animal sen alimento.

“Está a implantarse un tipo de monte de monocultivo de eucalipto no que estes animais non se poden alimentar – ao contrario doutras especies arbóreas coma o castiñeiro ou as do xénero quercus (carballo, sobreira, aciñeira, etc.)-, obrigando ao xabaril a buscar a súa supervivencia atacando os cultivos”. Declaraba, a este respecto Renda.

Vilalba Aberta apunta finalmente que “a presión cinexética non é tampouco a solución”, pois, “diante da morte de 15.000 xabarís ao ano fronte aos apenas 5.000 de hai unha década, a poboación do porco bravo non só non decrece, senón que aumenta a pasos axigantados ao tempo que a realidade dos datos está a reflexar que as especies que soportan unha maior mortalidade tenden a aumentar a súa reprodución. Unha análise na que están a profundar diversos especialistas, lembrando que diante da presión cinexética constante, o xabaril busca refuxio en zonas próximas ás  casas e vías de comunicación, o que incrementa os ataques cerca das vivendas e os continuados accidentes de tráfico nas estradas.

 

A SOLUCIÓN: UNIDADE ENTRE CONCELLOS AFECTADOS, POLÍTICA AGROFORESTAL SUSTENTABLE E BONIFICACIÓNS PARA AS MEDIDAS DE PREVENCIÓN

É por isto que, para Vilalba Aberta, a única solución posible é que os alcaldes dos Concellos afectados se unan para esixir da Xunta que “asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado”. Un posicionamento – lembra Renda – “defendido, ademais de polos produtores, por unha boa parte do sindicalismo agrario galego e referenciado neste caso pola recente denuncia do SLG á Valedora do Pobo.”

Así mesmos, demandan unha liña de axudas eficiente, tamén, para proporcionar a incorporación de dispositivos que favorezan un pastoreo e unha vixilancia asentada na filosofía do manexo preventivo. “A prevención pasa por ser a acción fundamental dende a Xunta para abordar este problema e, sen embargo, non se aposta decididamente por esa estratexia”, engadía o edil. De igual xeito, denuncia que “algunhas as formacións políticas do Concello teimen na “irresponsabilidade” e no “electoralismo” ao respecto desta problemática, en lugar de en poñer o grito no ceo na deficitaria actuación en esforzos e recursos das Administración para remedialo”.

Por último, lembran que diante da negativa do Ministerio de Medio Ambiente á inclusión do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras, a normativa vinculante para as comunidades autónomas permite aos Concellos a aplicación de medidas de carácter urxente.

“Dende xa, o Goberno Municipal conta coas competencias para acometer a paralización das plantacións de eucalipto en lugares sensibles, isto é: os incluídos na Lei de Espazos Naturais e Rede Natura, afastar debidamente esta especie de calquera ben inmoble, así coma dos pastos, das zonas agrarias, das estradas convencionais e liñas eléctricas, ademais de romper a continuidade das masas forestais de eucalipto con distancias mínimas de separación.” Declarou Renda.

Neste senso e do mesmo xeito que xa fixo no Pleno, volveu mostrarse partidario da posta en marcha dunha verdadeira proposta integral, que abranga dende a elaboración dunha ordenanza municipal que inclúa beneficios para os propietarios de plantacións con especies autóctonas, ata a posta en marcha dun Observatorio Medio Ambiental no Concello.

Etiquetas