O PSOE presenta dez emendas aos orzamentos que afectan á Chaira

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o Deputado do PSOE no parlamento galego pola provincia, Luis Álvarez, criticaron que o PP negue 28 millóns de euros aos lucenses para 85 actuacións na provincia. Trátase do total de investimentos que os socialistas presentaron como emendas aos orzamentos do goberno galego para o 2019 e que foron todas rexeitadas polos populares. Os proxectos demandados naceron dos Encontros Comarcais con militantes organizados polo PSOE Provincial para coñecer as principais demandas veciñais de cada zona e incluílas nos presupostos do vindeiro ano.

Santos Ramos lamentou a negativa do Partido Popular ás iniciativas dos socialistas e subliñou que “unha vez máis, o PP dille non á provincia de Lugo, agora dende a Xunta de Galicia, rexeitando as emendas presentadas polo PSOE para impulsar 85 proxectos que foron iniciados hai más de 10 anos, polo tanto que o Partido Popular leva bloqueando unha década e que significaban un investimento de 28 millóns de euros. O goberno de Feijóo aprobou uns orzamentos que di, en maiúsculas, non aos 300.000 veciños e veciñas que vivimos na provincia de Lugo”.

“Outra vez o PP demostra o seu nulo compromiso con Lugo. É unha pena que o goberno de Feijóo non teña en conta nin tan sequera un dos proxectos que reclaman os veciños. Xa levamos unha década aguantando este trato desigual e pernicioso por parte do PP contra a nosa provincia e non o imos permitir. Dende o Partido Socialista seguiremos reivindicando permanentemente estas demandas que cremos de xustiza para os lucenses”.

Luis Álvarez explicou que “os socialistas non pedíamos nada que supuxera un tratamento a favor da provincia, simplemente queríamos igualdade que o resto do territorio. O Partido Popular considera que ten un celeiro de votos na provincia de Lugo polo tanto non ten que facer absolutamente nada. Dende o PSOE demandabamos infraestruturas sanitarias, abastecementos de auga, construción de estradas, melloras nas instalacións educativas, entre outras moitas, e nada tivo o voto positivo do PP. Por iso, consideramos que este período de alegacións é un fraude absoluto, pois non sirve de nada. Os socialistas estamos defraudados pero non sorprendidos porque esta é a dinámica do PP coa provincia de Lugo”.

85 emendas rexeitadas polo PP
Os socialistas presentaron no parlamento galego un total de 85 emendas por valor de 28 millóns de euros. As que afectan á Terra Chá son as seguintes:

  • Humanización praza Santa María e contorna, en Vilalba (500.000 euros)
  • Acceso á LU-540, en Muras (200.000 euros)
  • Arranxo da LU-760, en Pol (250.000 euros)
  • Arranxo da LU-170, en Xermade (250.000 euros)
  • Melloras no Centro de Saúde e PAC de Meira (200.000 euros)
  • Potabilizadora para o embalse de San Xoán, en Guitiriz (250.000 euros)
  • Dotación de Centro de Día, en Outeiro de Rei (150.000 euros)
  • Dotación de Centro de Día, na Pastoriza (150.000 euros)
  • Dotación de Centro de Día, en Friol (100.000 euros)
  • Dotación de ascensor na Casa da Xuventude, en Vilalba (36.180 euros)

 

Etiquetas