Rematadas as obras dos camiños da reestructuración parcelaria de Santo Estevo de Pol

As obras da rede principal de camiños da área de reestruturación parcelaria de Santo Estevo de Pol están rematadas e xa está a tramitarse o proxecto da rede secundaria.

O investimento neste proceso de reorganización territorial é de 523.500 euros, aos que hai que engadir o orzamento estimado do proxecto de camiños secundarios, que ascende a  60.000 euros. A maior parte dos fondos -uns 437.000 euros- destináronse á creación e mellora de 9,2 quilómetros de camiños que conforman a rede principal, que dan servizo ás fincas reparceladas e serven tamén para vertebrar o territorio, conectando co resto de vías municipais.

Seguese traballando coa previsión de que proximamente sexa aprobado o acordo de reestruturación, no que se determinarán os predios de reemprazo xunto cos seus novos titulares. O proceso está avanzando a bo ritmo e estase a facer un importante esforzo para axilizar tanto a execución das obras complementarias -como os accesos a fincas- como os trámites administrativos conducentes á entrega dos títulos de propiedade, os dous últimos trámites pendentes.

A reestruturación de Santo Estevo de Pol involucra a 88 propietarios e abarca 341 hectáreas de terreo, permitindo que 511 parcelas se vexan reducidas a 145 fincas, isto é nun 70%. Neste mesmo concello tiveron lugar anos atrás outros procesos de concentración, nas parroquias de Caraño, San Andrés de Ferreiros, San Martiño de Ferreiros, Santa María de Valonga, Silva – Eirón e Torneiros.

Etiquetas