Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta presenta un Plan de Desenvolvemento Económico e Fiscal para poñer fin ao declive demográfico

Por 7 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Vilalba Aberta ven de facer pública a súa última iniciativa, a defender no vindeiro Pleno Ordinario de xaneiro. Unha proposta marco aos grupos con representación da corporación, que atopa o seu contexto no continuado decrecemento demográfico do que é vítima o Concello e que se viu confirmado logo da publicación dos últimos datos do INE, relativos ao Padrón Municipal de Xaneiro de 2018.

“Desenvolvemento económico e políticas fiscais para poñer fin a un declive que levou ao Concello de Vilalba a perder 562 habitantes, se atendemos ás cifras correspondentes ao ano 2014″ din dende o grupo político.

“A crise demográfica non é un fenómeno meteorolóxico. É a consecuencia directa de políticas impostas e afastadas do sentido común e do interese xeral da veciñanza”, declaraba na mañá de hoxe o voceiro municipal da formación, Modesto Renda.

“Os recursos procedentes doutras administracións deben ser un activo fundamental que impulse e fixe de poboación; mais levamos décadas vendo como a chegada de fondos públicos (autonómicos, estatais e europeos) para o desenvolvemento do noso Concello non teñen apenas repercusión. Ao tempo, Vilalba agoniza entre a vergoña do despoboamento e a parálise dunha rede caciquil pouco interesada en revertelo.” Argumentou o edil.

A este respecto, dende a formación asemblearia fan referencia a “decisións políticas” tales como a supresión das liñas de transporte entre o casco urbano e as parroquias; as incertezas en servizos de proximidade fundamentais (atención primaria e educación de 0 a 3 anos); a negativa do Partido Popular a dirixir un proceso de defensa do sector primario; ou a incapacidade das diferentes administracións para desenvolver unha política forestal sustentable e economicamente rendible; en tanto que medidas, entre outras, responsables do dramático saldo vexetativo.

Unha dinámica, que para Vilalba Aberta non fai máis que “retratar a incapacidade manifesta do Partido Popular, tanto a nivel municipal coma na Xunta, para artellar social e territorialmente o Concello.”

POLÍTICAS DE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Se ben, dende Vilalba Aberta, lamentan que as posibilidades de contribuír á creación de emprego dende os Concellos son limitadas; non é menos certo – aseguran – que “a xestión municipal non é neutra no que ten que ver, xa non, co seu fomento, que tamén, senón coa mesma capacidade de influencia na consecución de novos nichos de emprego para a veciñanza”.

Neste senso, unha das cuestións fundamentais que a formación expón na súa iniciativa é a da potenciación do modelo dos mercados de produtores fronte ao actual modelo de intermediarios, a fin de promover a produción e consumo de produtos naturais ecolóxicos así coma a agricultura ecolóxica e de proximidade.

“A agricultura ecolóxica como saída para o sector? Por suposto, e a receita, cremos, non é outra que a de investirmos en formación, recuperación de variedades, canles curtas de comercialización e a de explorar todo tipo de accións que faciliten a explotación sostible da nosa terra.”.

En segundo lugar, a proposta de Vilalba Aberta insta a profundar na ampliación de chan industrial “en varias fases”, en base ao interese de empresas por asentarse no Concello e o afán por conseguir que outras dean ese paso. A este respecto, fan referencia á ampla bolsa de espazo (700.000 metros cadrados) situada ao redor do polígono de Sete Pontes e que nesta lexislatura ven de perder a consideración de chan industrial que tiña debido a cambios derivados da nova Lei do Solo. Con todo, xunto ao polígono hai terreos que lograron da Xunta a consideración de Área de expansión de Galicia, o que facilitaría un plan – lembran – para o que tal e como xa recoñeceu o Concello non sería preciso modificar as normas urbanísticas.

Neste senso a formación fai súas as reivindicacións dos representantes das PEMES locais, relativas ás potencialidades do municipio : “Estamos nunha encrucillada de camiños, e hai que actuar nese sentido”, manifestan, convencidos de que a medida fornecería efecto porque segue habendo, aseguran, empresas interesadas en asentarse en Vilalba.

No seu terceiro eixo económico, a iniciativa pretende actuar directamente sobre as urxencias do sector terciario (alimentación, hostalería e comercio en xeral) e que ten grande importancia no casco urbano, pois este actúa de centro de servizos para o resto do concello e boa parte da comarca. Un sector – para a formación – “vítima da propia devastación do primario e do escaso fomento por parte do consistorio do comercio local, en tanto que forma de manter a cohesión social, fronte ás grandes superficies comerciais”. Aí, precisamente se insire a súa idea de dinamización do turismo sostible, para o que toman en consideración as propias potencialidades de vila e parroquias, pola vía dunha unha estratexia que aglutina recursos culturais, artísticos ou gastronómicos, e que se proxecta aberta aos espazos territoriais comarcais máis próximos.

Ademais dende Vilalba Aberta instan tamén ao fomento de iniciativas culturais que impulsen o desenvolvemento e o coñecemento do patrimonio cultural, arquitectónico e ambiental como elemento xerador de emprego.

O apoio decidido aos traballadores autónomos, así coma a recuperación daqueles sectores económicos en risco de desaparición ou que se extinguiron como actividade produtiva, constitúen tamén unha aposta económica viable para a formación, dando sempre prioridade como non podía ser doutro xeito a uns sectores primario e servizos – ao seu xuízo – “abandonados á súa sorte polo actual goberno municipal”. Un goberno – critican – que no lugar de apostar polo sector público “favorece a externalización e privatización encuberta dos servizos públicos munIcipais, desbotando a posibilidade dunha contratación directa con criterios de transparencia e igualdade.”

Nesta liña, a transversalización incluíndo a perspectiva de xénero en todas as determinacións que se adopten, está pertinentemente recollida na iniciativa coma “dunha importancia capital” nun contexto de crise económica, cuxas consecuencias negativas acostuman a recaer especialmente nas mulleres.

 

FISCALIDADE FRONTE O DESPOBOAMENTO

Deducións para a contratación e Pemes. Nada novo como medida fiscal, mais de total importancia na contorna rural á hora de reter o talento ou importalo de fóra. Tal e como se recolle na iniciativa, desta forma motívase ademais o crecemento das propias Pemes. “Existen numerosos exemplos de Concellos rurais e semirurais nos que levaron a cabo programas de axuda á contratación de mozas e mozos da localidade subvencionando á pequena e mediana empresa. Este tipo de medidas foron aplaudidas e contaron cada vez con máis beneficiarios en pequenas e medianas vilas do país.”

Así se argumenta dende a formación a posta en marcha de medidas de deducións que alá onde se puxeron en práctica, axudaron aos e ás mozas á hora de conseguir un traballo e evitou que tivesen que emigrar ou trasladarse para atopar un traballo digno.

 

RACIONALIZACIÓN NOS GASTOS DOS ÓRGANOS DE GOBERNO COMA CONTRAPARTIDA

Toda política pública require de investimento e é precisamente na municipal onde se atopan as maiores dificultades. Mais con todo, a iniciativa de Vilalba Aberta apela a “vontade política do Goberno Municipal”, incidindo nalgúns dos parámetros programáticos máis recoñecibles da formación, coma fonte de financiamento, isto é: o aforro e a máis estrita eficiencia no gasto, coa “erradicación do despilfarro” nos gastos do Goberno e do persoal de confianza, e a súa contrapartida coa inversión en políticas de emprego e no gasto social coma garantía de progreso e benestar para o conxunto da veciñanza.

Neste senso, e diante da posibilidade dunha negativa por parte do Goberno Municipal coa escusa do insuficiente financiamento, a formación asemblearia lembraba hoxe a este respecto que a partida destinada a sufragar os “gastos” dos Órganos de Goberno foi fixada polo PP en 187.000 euros, namentres que o fomento do emprego en Vilalba e a relativa a políticas para o rural tan só perciben do Concello un 0,6 e un 0,002% dun total orzamentario, definido para 2018 en 12.084.460 euros e aprobado en solitario polo conxunto da “interesada” bancada popular.