Skip to main content
Actualidade

O BNG oponse a que o Concello de Outeiro retire a esixencia das vacinas obrigatorias na gardería municipal

Por 8 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Dende o BNG lamentamos profundamente o cambio que o alcalde de Outeiro introduciu na ordenanza de uso da gardería, onde se substituíu a obrigatoriedade existente ata o de agora de presentar a cartilla de vacinación dos nenos e nenas, coas correspondente vacinas obrigatorias cubertas, por unha opcionalidade e unha simple recomendación.

Para o BNG este cambio de postura representa unha auténtica temeridade, pois estase a mandar unha mensaxe moi perigosa á cidadanía, indicando que a vacinación das nenas e nenos pode ser opcional e a criterio das súas familias, cando a día de hoxe xa é coñecido o rebrote dalgunha enfermidades infantís precisamente pola negativa dalgúns pais e nais a vacinar.

Hai que lembrar que todas as autoridades sanitarias e todas e todos os expertos recomendan a vacinacións como mellor e única medida efectiva para evitar e erradicar as enfermidades infecciosas na infancia. O cambio de criterio por parte dunha administración como é o concello de Outeiro nunha cuestión como esta dificulta precisamente o traballo das autoridades sanitarias para erradicar estas enfermidades e reforza a postura destas minorías que dun xeito completamente irresponsable defenden a non vacinacións das crianzas.

Para o BNG de Outeiro tamén resulta lamentable que a Xefa Territorial da Consellería de Sanidade, tamén tenente de alcalde do concello de Outeiro, avalase este cambio, parecéndolle apropiado substituír a obrigatoriedade da vacinación por unha simple recomendación.

“Dende o BNG esperamos que esa sexa unha postura puramente persoal e non a da Consellería a que representa en Lugo”, sinalaron dende o Grupo Municipal do BNG.

Obrigatoriedade de vacinación para as persoas que traballan na gardería
Tamén parece totalmente contraditorio que ao mesmo tempo que se saca a obrigatoriedade de vacinación para nenos e nenas se manteña a obriga para as persoas que prestan servizos nese centro educativo.

Se se considera que a non vacinación das persoas adultas pode resultar perigoso para as crianzas, loxicamente ese mesmo perigo existira se non todas as nenas ou nenos están vacinados.

“Esta contradición indica a pouca atención que o alcalde lle prestou a esta ordenanza, a cal foi feita con improvisación e cunha falta de responsabilidade non acorde coa importancia que ten o funcionamento dunha gardería municipal para un concello coma Outeiro”, manifestaron dende o BNG.