A Fruga logra o compromiso da Xunta no pago das axudas da PAC

Segundo indica Fruga, as xestións realizadas diante da Consellería do Medio Rural conseguiron que “un importante número de perceptores das axudas PAC puideran cobrar en tempo e forma, ao igual que o resto dos e das solicitantes”.

Todos os anos se producen cambios de titularidade nas explotacións agrarias e gandeiras na Galiza, na maior parte das veces como consecuencia da xubilación do ou da anterior titular e a incorporación de un ou unha nova titular. Nestes casos as axudas da PAC correspondentes a estas explotacións tamén teñen de ser transferidas ao ou á nova titular.

As novas e novos titulares de explotacións que accederan á titularidade no mesmo momento en que se estaba procedendo a solicitar as axudas da PAC 2018, entre os meses de febreiro e abril, na maioría dos casos acompañaron á solicitude de cambio de titularidade un documento de cesión de axudas PAC para o novo titular da explotación agrogandeira, comao xoves agricultores, que se acababan de incorporar á actividade no campo.

En principio, e debida a unha serie de dificultades de carácter burocrático, estivo en risco o cobro destas axudas e tempo e forma (a finais de 2018) e nas mesmas condicións que o resto de labregos e labregas.

“Cando na Fruga tivemos coñecemento desta situación, sempre tivemos claro que había que intentar por todos os medios que estas persoas cobraran nas mesmas condicións que as demais e que non tiñan porque sufrir ningún tipo de discriminación ao verse forzadas a cobrar mais tarde que o resto, sobre todo cando o motivo deste atraso estaba na propia administración e tendo en conta ademais que estamos a falar da principal fonte de ingresos que teñen as explotacións galegas”, din.

“Unha vez observada esta anomalía, fixemos as xestións oportunas perante da Dirección Xeral de Gandeira Agricultura e Industria Alimentaria. Esta tivo a ben aceptar as nosas reivindicacións e así solucionar as trabas burocráticas que impedían o cobramento en tempo e forma, e, deste xeito, conseguimos que a día de hoxe, os e as titulares de explotacións, que realizaron cesión de axudas, xa teñan ingresada a parte que lle correspondía das axudas da Política Agraria Común do ano 2018”, explican.

A Fruga valora positivamente esta xestión, “tendo en conta que a maioría dos e das beneficiarías eran mozos e mozas recen incorporadas, e porque ao mesmo tempo supón unha importante cantidade de diñeiro que pasa a mans dos solicitantes das axudas, que, do non ser así, non as cobrarían até o mes de marzo”, conclúen.

Etiquetas