O BNG de Outeiro leva ao pleno extraordinario a eliminación dos proxectos de vías de servizo da V-VI

No Pleno Extraordinario convocado, e que a oposición tivo que forzar para poder tratar as súas propostas, o BNG levará a debate a eliminación do proxecto de vías de servizo ao longo da N-VI que se contemplan na actual lexislación urbanística de Outeiro de Rei.

Estas vías de servizo farían co ancho total dos viais asociados a estrada tiveran unha anchura de 56 metros, segundo o propio proxecto, o que provocaría unha división da vila en dúas metades e o derribo de varias vivendas particulares así como de bens públicos, como é o PAC, a casa da Cruz Vermella ou o parque infantil.

Hai que lembrar que este proxecto foi paralizado debido ás alegacións no ano 2015 da case totalidade da veciñanza afectada, con máis de 70 reclamacións, as cales aínda non están contestadas o que provoca que o urbanismo na vila de Outeiro estea totalmente paralizado.

Este proxecto de vías de servizo elaborouse cando aínda non existía a autoestrada A-6, nun momento onde a cantidade de tráfico e o seu tipo nada tiña que ver co actual. “Intentar neste momento introducir este proxecto totalmente anacrónico e faraónico en Outeiro é un loucura e só pode responder á tozudez do alcalde e aos intereses urbanísticos del e dos seus amigos”, manifestou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro.

O BNG sempre propuxo a urbanización da estrada ao igual que as outras vilas da contorna, cos carrís necesarios na estrada, aparcadoiros, beirarrúas e todas as medidas de seguridade necesarias para que os peóns poidan atravesar a estrada con seguridade. “Ter algo parecido, aínda que máis amplo e modernizado, ao que teñen as vilas do lado, como Guitiriz, Begonte, Rábade ou Becerreá, e o obxectivo da nosa proposta, tanto no urbanismo como nas medidas de seguridade para cruzar esta vía”. Continuou o concelleiro do BNG.

Paralización do urbanismo na vila de Outeiro

Dende o BNG tamén denuncia nesta proposta a paralización da construción na propia vila de Outeiro, pois o alcalde ten “secuestrada” a posibilidade de construír debido precisamente a paralización deste proxecto. “O alcalde pretende manter esta paralización ata que a veciñanza lle permita levar adiante o proxecto de vías de servizo, o que supón unha chantaxe inaceptábel”, dixo Ferreiro.

Tan só a elaboración dun Plan Xeral de Urbanismo, tal e como a lei esixe, coa participación de todas as veciñas e veciños e que regule o territorio dunha forma correcta pode dar solución a todos estes problemas. Pola contra, o alcalde pretende seguir sen elaboralo para que deste xeito poida seguir a “caciquear” cos cambios puntuais das normas subsidiarias e deste xeito seguir a actuar en función dos intereses só de determinadas.

Etiquetas