O cruceiro de Lanzán

Por Miriam Fernández

Os cruceiros son monumentos relixiosos de carácter popular consistentes nunha cruz colocada sobre un piar, os cales soen estar emprazados na meirande parte dos adros galegos, cruces de camiños, cemiterios e outros lugares sacros, aínda que tamén se poden atopar noutros puntos da Península e mesmo fora dela. Crese que súa orixe ten lugar a partir da Contrarreforma, coa fin de que os fieis recordasen a Xesucristo e as obras realizadas a través dos santos.

A Chaira posúe gran cantidade destes monumentos de devoción popular, máis de 150 xa so na capital, dos cales temos algúns exemplos salientables artisticamente, como ocorre co cruceiro situado no lugar Lanzán, na parroquia Vilalbesa de Sª María de Tardade.

Do cruceiro de Lanzán sabemos que foi realizado a petición dun devoto no ano 1906, un encargo materializado por unha das dinastías de canteiros máis coñecidas da Chaira, os “Carboeira”, recoñecidos artesáns de Román que salpicaron o territorio chairego cunha cantidade significativa das súas obras dende comezos do século XIX. Segundo as crónicas familiares os artífices concretos desta obra foron Andrés Seoane Fernández e o seu fillo Marcelino. O cruceiro de Lanzán destaca pola profusa ornamentación e detalle coa que foi tallado, características que o fan destacar entre os exemplos de cruceiros da contorna.

O monumento, realizado completamente en granito, érguese sobre unha plataforma de tres chanzos sobre a que descansa unha basa troncopiramidal na que se tallaron altorrelevos en tres das súas caras: Santiago matamouros a cabalo, San Roque e o can e San Xosé portando a vara florida (azucena ou lirio). Na cuarta cara presenta unha inscrición que reza: “El Yllmo SR Obispo d Mondoñedo concedió 50 días de indulgencia Pº rezar cualquier oración aprobada Pº la Iglesia delante destas efigies”.

O fuste monolítico de sección cuadrangular presenta as arestas rebaixadas na súa parte central, mentres que na cara suroeste se decora de forma descendente coas imaxes dun monxe ou santo franciscano, unha Custodia, os instrumentos da Paixón (columna, cravos, martelo, tenaces, espada e escaleira), unha cartela co ano 1906 e unha talla do Ecce Homo coa inscrición ós pés que o identifica. As demais caras mostran na parte superior decoracións xeométricas e florais sinxelas. O fuste conecta coa parte superior da Cruz mediante un capitel troncopiramidal invertido ornamentado con cabezas de anxos e volutas, das cales parten sendas cadeas.

Na Cruz, de carácter robusto e de extremos floronados, atopamos un Cristo crucificado que ós pés ten a cabeira coas tibias (morte), acompañado de dúas figuras que se identifican coma santos, máis poden referirse tamén a unha parella de orantes. No anverso da Cruz represéntase a Piedade, a Virxe con Cristo no colo tras baixar da Cruz.

Aínda que de talla un pouco primitiva, este cruceiro está á cabeza en canto a monumentos relixiosos das súas características, pois a intensidade da súa decoración e o completo programa iconográfico fano destacar entre os outros exemplos esparexidos pola Chaira.

Etiquetas