Somos vítimas de violencia de xénero, pero non carne de canón

Por Marta R. Engroba

Hai unhos días,chegou un artigo as miñas mans que, francamente, non me fixo sentir nada ben. A súa autora é, entre outras cousas, formadora feminista, e experta en xénero, polo que a súa formación nestas materias é algo que se da por sentado, e da que non dubido, vaia por diante.

Falaba, no seu artigo, do mito do amor romántico, ainda moi presente, e de que as mulleres, desde moi pequenas, se nos inculca que o mais importante é atopar unha parella, independentemente do tipo que ésta sexa, porque, de non ser a adoitada, nos mesmas nos encargaremos de cambialo, melloralo, curalo, e  mesmo facer que a besta se transforme en príncipe.

Non digo que isto non sexa certo, porque mentiría. Por desgraza, comportamentos ou “consignas” que xa deberían ter sido desterradas hai moitos anos seguen presentes, e tan ben asentadas, que nin se cuestionan, o que nos leva a que non sexan poucas as mulleres que, decatándose de que a súa parella non soamente non é como pensaban, se non que claramente lles fai dano e mesmo as maltratan, continúan ao seu carón, xa sexa por dependencia económica, emocional, ou polo qué dirán, pero sempre, e en esto non hai excepcións, esgrimindo como razón principal para non sair do inferno o amor.

Ata ahí todo ben, e concordo totalmente.

Falaba despois de que un número elevado de mulleres que foron vítimas de violencia de xénero, e que ela, pola súa profesión, chegou a coñecer, cando acudían a ela xa ían pola segunda ou mesmo a terceira parella das mesmas características.

Dito doutro xeito, pasaban dun maltratador a outro sen apenas transición, e afirmaba despois categóricamente que se despois de ter vivido unha relación de maltrato, a muller non se somete a unhta terapia con unha psicóloga ou un especialista en violencia de xénero que nos amose que estamos respondendo a un patrón aprendido de sometemento e indefensión ante a violencia, temos case todos os boletos para recaer nunha nova relación con un maltratador.

A ver, imos por partes. É certo que algunhas mulleres poden ter unha certa predisposición a relacionarse con determinado tipo de homes, e que, unha vez rota a súa relación, o medo a soedade, ou esa falsa crenza de que o estado natural e ideal da muller é estar en parella as leve a precipitarse e a iniciar unha nova relación, non sempre atinada, certo, antes de pasar o proceso que sería preciso, e aprender a identificar o que viviron, a convivir, o primeiro, con elas mesmas, e ir, en resumo, recompoñendo os pedazos dunha vida que un malnacido lles quebrou, o que redunda, case sempre, nunha mala elección, xa que a súa vulnerabilidade é extrema, logo son unha “presa” fácil para certo tipo de homes que non son, sen dúbida os ideais.

Agora ben, o que non suscribo é  esa impresión que da a autora do devandito artigo de que todas as mulleres que sufrimos, e digo sufrimos porque, como moitos sabedes, eu tamén fun unha muller maltratada, violencia de xénero, somos carne de canón, e que, de non ter alguien que nos guíe, irremediablemente caeremos nos brazos de outro indesexable.

Obviamente, a ninguén lle ven mal ter axuda. De feito, tendo a posibilidade, é o ideal, e se eu non a busquei foi porque na época na que eu fun vítima de violencia de xénero non se contemplaba nin de lonxe tal posibilidade, pero non todas as mulleres chegamos a ser vítimas de violencia machista polas mesmas circunstancias, nin temos unha especie de tara “de serie”, que nos fai caer en tan desafortunadas relacións unha e outra vez.

Eu, por exemplo, e non son a excepción, vaia por diante, nunca tiven en conta ese mito do amor romántico, nin era a miña finalidade na vida atopar unha parella si ou si.

Sinxelamente, un mal día, unha mala persoa se cruzou no meu camiño e a piques estivo de custarme a vida. Así de sinxelo e así de duro, pero non existiu ningún elemento psicolóxico, nin educativo, que me conduxera a tal relación. A vida o achegou a min, punto. Foi o azar, non os meus condicionamentos educativos.

Do mesmo xeito, tampouco sentín a necesidade imperiosa, cando fun quen de sair dese inferno, no que vivín un tempo non por dependencia psicolóxica, se non por unha sinxela cuestión de supervivencia, xa que era consciente de que tiña que escoller o momento xusto para denuncialo, porque de non facelo tiña claro que non sobreviviría, algo que non aconteceu por moi pouco, de atopar canto antes outra parella. Pola contra, disfrutei de todos e cada un dos pequenos momentos e praceres que o meu verdugo fixera que me estiveran negados tanto tempo, e cando, bastante despois, iniciei unha nova relación, nin foi de características similares, todo o contrario, nin nunca me sentín atraída por outros “malos”. Tampouco fun nunca das que pensan que todo home é un maltratador en potencia, e que a violencia de xénero  é algo que, mais tarde ou mais cedo se da en todas as relacións, e que non queda outra que aguantar. Totalmente falso.   

Como digo ao comezo, non me sentín ben lendo ese artigo. Non creo que se deba xeralizar. Non soamente non se debe, se non que é perigoso.

É verdade que hai estereotipos, mitos, que fan moito dano, como tamén é certo que hai mulleres que non están todo o ben emocionalmente que sería de desexar…..como moitos homes, e que eso pode, nun momento dado, conducilos a relacións nocivas, pero que quede claro que non todas as mulleres que sufrimos violencia de xénero nos vemos abocadas a repetir o patrón de relación.

Somos vítimas de violencia de xénero nun momento da nosa vida, certo, pero non somos carne de canón.

Etiquetas