Convocadas as axudas de compensacións por inactividade e para a reposición do gando

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para compensacións complementarias pola inactividade (lucro cesante) e reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades. A partida orzamentaria para este ano 2019 ascende a 200.000 euros.

As achegas van dirixidas a explotacións localizadas na nosa comunidade. No caso das axudas por lucro cesante, poderán beneficiarse delas as persoas titulares deste tipo de explotacións nas que se ordenase o sacrificio de forma preventiva da totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial, compensándose a perda de ingresos pola inactividade da explotación ata que se autorice a compra de novos animais.

No caso das axudas á reposición de gando, poderán beneficiarse os titulares que teñan que mercar cabezas de gando como consecuencia dun sacrificio obrigatorio dun ou máis animais existentes na súa granxa, debido ao diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial.

Para as axudas por lucro cesante o importe das compensacións complementarias será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, tendo en conta o período de inactividade desde o día seguinte en que sexa efectivo o seu baleiro sanitario.

Importes

No que atinxe á reposición de gando, os importes serán de 500 euros por animal adquirido da especie bovina e 50 euros por animal comprado das especies ovina ou cabrúa (houbese ou non baleiro sanitario na explotación). Estes importes por animal serán incrementados nun 10% se a explotación pertencía a unha ADSG nun determinado momento en relación coa execución das probas sanitarias nela. Ademais poderá concederse unha contía adicional para cada animal bovino comprado, nos casos en que os bovinos que se sacrificaron pertenceran a explotacións incluídas en núcleos de control leiteiro oficial, ou ben se fosen dunha raza pura cárnica e estiveran inscritos no libro xenealóxico da raza.

O prazo de presentación de solicitudes abarcará dende mañá ata o vindeiro día 29 de novembro de 2019 e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Porén, para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica (comunidades de bens (CB), sociedades civís (SC) e sociedades agrarias de transformación, SAT) deberán presentalas obrigatoriamente de forma electrónica.

Etiquetas