José Ángel Santos buscará unha nova maioría absoluta do PP en Friol

José Ángel Santos volverá a concorrer ás eleccións municipais encabezando a lista do Partido Popular co obxectivo de “conseguir de novo a confianza da maioría dos veciños e veciñas para continuar a traballar por e para Friol tal e como fixemos nestes últimos catro anos”.

A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, sinala “o amplo respaldo popular que sempre tiveron as candidaturas do PP neste municipio” e agarda “seguir contando co apoio maioritario dos veciños e veciñas para facer posible un novo mandato popular en Friol”.

O candidato popular avanza a necesidade de “procurar a mellora da calidade de vida dos frioleses”. Nese sentido, recorda que “temos proxectos iniciados que pretendemos rematar no vindeiro mandato se contamos de novo co apoio dos veciños”. Concretamente, Santos pretende mellorar os servizos básicos no rural e crear outros novos coma as traídas de auga nas diferentes parroquias que o solicitaron. Tamén aposta o candidato popular por “seguir potenciando a implantación de máis tecido empresarial no polígono industrial e, dunha forma decidida, o asentamento de poboación no municipio”.

Por outra banda, o popular non quere esquecer “a modernización da capitalidade e o rural do noso municipio, así coma a prestación de servizos sociais aos nosos veciños e veciñas tratando de melloralos e incrementalos na medida do posible”. Nese sentido, pretende “avanzar nas xestións para a construción da residencia da terceira idade en Friol”.

José Ángel Santos, gandeiro de profesión, foi elixido alcalde de Friol nas pasadas eleccións de 2015 cando concorría por primeira vez como cabeza de lista tras formar parte do goberno local de Antonio Muíña como concelleiro dende o 2007 e como tenente de alcalde dende o 2012.

Etiquetas