Medio Rural convoca as axudas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras

A Consellería do Medio Rural abriu o prazo de presentación das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia para o período 2019-2020, tal e como recolleo o DOG do 1 de febreiro.

A finalidade destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais. Estes programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2019 e o 28 de febreiro de 2020. Estas axudas serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que non son obxecto de programas nacionais.

Os gastos subvencionables serán os derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización dos distintos programas zoosanitarios. Así mesmo, tamén se financiarán os gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas. Ademais, ao abeiro destas achegas, poderanse organizar xornadas de formación para os gandeiros.

Poderán optar a estas subvencións as entidades asociativas agrarias que estean inscritas no rexistro oficial de ADSG, quedando excluídas as formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún. Así mesmo, deberán estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en activo que teñan a condición de pequenas ou medianas empresas, ademais de estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo establecido para facelo será ata o 1 de marzo.

Enlace á convocatoria no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190201/AnuncioG0426-080119-0002_gl.html

Etiquetas