A oposición socialista de Vilalba propón destinar ao rural o fondo de compensación ambiental

O Grupo Municipal Socialista propón ao goberno municipal do Partido Popular adxudicar a partida do Fondo de Compensación Ambiental, un total de 198.100 euros, aos núcleos rurais do Concello de Vilalba. Piden que se leven a cabo investimentos para dotar de servizos en condicións a aquelas zonas que carecen de saneamento e traída de auga, no seu caso.

Desde o Partido Socialista fan esta proposta ao alcalde, Agustín Baamonde, tras criticar a súa política “sen planificación no casco urbano, levando a cabo obras sen ter en conta a humanización dos espazos, sen un criterio obxectivo e dilixente que permita avanzar en materia de urbanismo”, subliña o voceiro socialista, Luis Fernández.

Neste senso, os socialistas piden que se tomen este tipo de medidas no rural para contribuir a unha mellora das condicións da veciñanza que habita estas parroquias, facendo fincapé na importancia de fixar poboación. Porén, sinalan a Baamonde como responsable “dun abandono irresponsable do rural, de xeito que esperamos que as nosas propostas sexan benvidas e que demostren con políticas públicas o seu interese polas parroquias, e non só para mencionalos en periodo electoral”, zanxan.

Etiquetas