Pechada outra reestruturación parcelaria no concello de Castro de Rei

Pechouse administrativamente outra reestruturación parcelaria no concello lugués de Castro de Rei, na zona de San Xiao de Mos. Isto implica que os novos predios, dos que xa viñan facendo uso os titulares, son definitivos de cara á entrega de títulos, que será o seguinte e último paso.

Esta reorganización do territorio iniciouse con 1.687 parcelas de 262 propietarios. Agora o número de predios reduciuse a 435, co que a superficie media de cada un pasou de 2.609 metros cadrados a 9.998 metros cadrados. Este aumento na súa dimensión permite facer as leiras máis operativas e competitivas para poñelas a producir. En total, este proceso afectou a unha superficie de 435 hectáreas.

Neste proceso investíronse máis de 1,5 millóns de euros, a maior parte nas obras de construción da nova rede de camiños principais e secundarios e no acondicionamento de parcelas. No concello de Castro de Rei hai ademais outras nove concentracións finalizadas administrativamente, polo que a superficie concentrada no municipio chega ao 44,25%. Calcúlase que esta porcentaxe chegará ao 50% cando se remate tamén a reestruturación de Triabá, actualmente en fase de bases definitivas.

Etiquetas