A Terra Chá, presente no novo número da revista LCD Lugo Cultura Dixital

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e a Directora da UNED en Lugo, Ana Traseira Pena presentaron o terceiro número da Revista LCD Lugo Cultura Dixital coa que se dá a coñecer o ámbito cultural da provincia. É outro dos eixos do proxecto Cultura Dixital, unha iniciativa de comunicación coa que se promociona a actividade do tecido asociativo do conxunto do territorio lugués, a través dunha páxina web, redes sociais e este revista multimedia e totalmente interactiva.

Santos Ramos explicou que o Cultura Dixital é un proxecto no que as 80 asociacións culturais que participan, dispoñen de ferramentas no eido das novas tecnoloxías para que os seus eventos teñan maior difusión e visibilidade. Son, unha plataforma web con redes sociais onde difundir as súas actividades, un servizo de emisión por streaming  e gravación a través da plataforma da UNED; así como asesoramento e cursos de formación con profesionais en novas tecnoloxías e comunicación.

O terceiro número da Revista LCD Lugo Cultura Dixital abrangue distintos aspectos da cultura da provincia, dende asociacións, territorio, cine ou música. Trátase dunha revista novidosa dixital, multimedia e totalmente interactiva, xa que se pode interactuar con ela mediante clics para ver vídeos e galerías fotográficas, escoitar música ou acceder a través de ligazóns a outros contidos culturais de interese.

O Voceiro explicou que a través desta colaboración coa UNED dáse máis visibilidade ás programacións e actividades organizadas por todas as asociacións e colectivos culturais existentes da provincia de Lugo sumadas a este proxecto.

“Deste xeito, Deputación, UNED e as asociacións culturais unímonos co obxectivo de crear un capital cultural territorial dixitalizado, dispoñible para os cidadáns a través dos medios de comunicación 2.0. Buscamos seguir impulsando o desenvolvemento cultural lucense, achegando á cidadanía a labor destes colectivos. É ademais unha oportunidade única pois ampliase o público potencial ao ámbito universitario, o que permite chegar a máis xente”, destacou.

Formación a máis de 50 persoas

O proxecto Lugo Cultura Dixital tamén ofrece soporte formativo con cursos impartidos por profesionais coa fin de que as asociacións culturais da provincia melloren as súas destrezas no eido das redes sociais, márketing dixital, imaxe de marca ou manexo de cámaras. No curso deste ano, impartido por profesionais do CEMAV da UNED que son os mesmos que realizan os vídeos da programación da UNED que se emite no canle La2 de RTVE, foron 50 as persoas que recibiron formación destes profesionais de altísimo nivel.

Contidos da nova revista

Este novo número da Revista LCD inclúe 9 seccións con reportaxes, entrevistas e infografías. Nesta ocasión, afonda na actividade das asociacións Xermolos, Lugo Patrimonio e Francisco Lanza; unha reportaxe sobre a vida e obra de Victoria Moreno Márquez, homenaxeada nas pasadas letras galegas; e un estudo sobre a Terra Cha, con mapas, fotografías e información sobre o ámbito histórico e natural; outro sobre a historia da muralla de Lugo e unha información sobre As pegadas do Vikingos no norte de Lugo. Tamén conta cunha entrevista a Andrés Goteira, director de Dhogs, así como unha ficha técnica, reseña e tráiler do filme. No ámbito patrimonial, afondan na arqueoloxía ligada ao mar, a través do Castro de Fazouro. Ademais, inclúese un espazo de musica sefardí, con información sobre o grupo Evoéh que fixo un dos seus concertos en Lugo. Neste publicación tamén se aborda a vida e obra de Antón Vilar Ponte, Francisco Lanza Álvarez, Gustavo Feire Penelas e María Castaña. Esta 3ª edición da Lugo Cultura Dixital pecha cun artigo de Adolfo de Abel Vilela, O Comercio de Lugo e a fundación da cámara.

76 entidades asociadas

O Cultura Dixital é unha iniciativa que conta cun total de 76 entidades culturais asociadas que, a través da páxina www.lugoculturadixital.es; así como das redes sociais Twitter @LugoCultura_Dix e Facebook @lugoculturadixital, se promove a súa actividades, a través de publicacións de difusión da súa actividade cultural, a recompilación dos seus datos principais e a promoción de informacións de índole cultural que teñan un interese xeral para a poboación. Pódese consultar a lista de entidades asociados no seguinte enlace:  http://www.lugoculturadixital.es/directorio/page/2/?lang=es

Etiquetas