Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes amplía en 7.000 euros as achegas do programa Eu almorzo no cole

Por 15 Febreiro, 2019Sin comentarios

O concelleiro de Réxime Interno e Recursos Humanos, José Alén, e a representante da ANPA do CEIP Santa María, asinaron, hoxe, un convenio de colaboración polo que o goberno local asigna 7.040 euros ó programa “Eu almorzo no cole” que arrancaba, por primeira vez, neste centro educativo o pasado mes de xaneiro.

Esta axuda, destinada a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamentos precisos para garantir o bo funcionamento do programa, súmase ós 29.800 euros xa asignados ós colexios A Fraga e A Magdalena, acadando, deste xeito, ás achegas municipais, para o curso escolar 2018-2019, a contía total de 36.840 euros.

José Alén apunta a importancia da sinatura deste novo convenio, xa que “referenda a necesidade de contar cun programa de conciliación familiar que permita dar resposta ás demandas dun número, cada vez máis alto, de familias que por cuestión laborais precisan deixar os seus fillos e fillas no colexio antes do inicio da xornada escolar”.

Durante este curso escolar serán 124 as familias que se beneficiarán deste programa. No colexio Santa María o número de alumnos e alumnas que participan no programa tódolos días ascende a 11 mentres que son nove os nenos e as nenas que o empregan de xeito esporádico.

No caso do colexio de A Fraga almorzan, diariamente, 25 alumnos e alumnas, con idades comprendidas entre os tres e os doce anos, e unha ducia acceden a este servizo en días soltos. Mentres que no CEIP A Magdalena o número de beneficiarios e beneficiarias do programa “Eu almorzo no cole” ascende a 67, sendo 37 os nenos e nenas que o empregan cada día mentres que os 30 usuarios e usuarias restantes fan uso de xeito puntual, en días soltos.

O programa municipal “Eu almorzo no cole”, posto en marcha hai 10 anos a través da Concellería de Benestar Social, ten como obxectivo prioritario axudar ás familias pontesas a compatibilizar a vida laboral e familiar e promover hábitos saudables entre os rapaces e rapazas beneficiarias, a través de propostas de almorzos baseadas no consumo de froitas, lácteos e cereais así como mediante actividades lúdicas complementarias, relacionadas coa dieta e a práctica de exercicio físico.