Aberto o prazo para solicitar demostracións en vivo de oficios tradicionais

A voceira do Goberno, Pilar García Porto, avanzou que o BOP publica as bases da nova programación da Promoción da Artesanía 2019, que conta cun investimento de 15.000 euros, o que permitirá ofrecer demostracións en vivo de artesanía tanto a Concellos como a Asociacións. Todos os interesados teñen de prazo ata o 4 de marzo para presentar as súas solicitudes.

A liña de demostracións en vivo permitirá realizar exhibicións de coiro, olaría, cestaría, cantaría, forxa, talla de madeira, torno, tear e creación de espectáculos de monicreques. Son demostracións que ofrece a Deputación e que escollen posteriormente os beneficiados, ben sexan asociacións ou Concellos.

Cómpre lembrar que o Executivo da Deputación asume todos os custos de organización e celebración do conxunto de actividades, dirixidas a impulsar e promover o sector artesanal da provincia. Os interesados en participar deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral da Deputación. E na web www.deputacionlugo.gal haberá un espazo con toda esta documentación, bases e anexos, así como coa información de prazos de solicitude.  As demostracións deben realizarse entre o 1 de marzo, e o 31 de decembro de 2019.

Cada demostración deberá ser dun mínimo de 4 horas, e será financiada en solitario polo organismo provincial con 300 euros para todos os Concellos e asociacións da provincia que as soliciten.

 

Etiquetas