A Audiencia de Lugo crea a Comisión Provincial de Violencia de Xénero

A Audiencia Provincial de Lugo puxo en marcha, tras unha primeira reunión, a Comisión Provincial de Violencia de Xénero, un organismo que estará dirixido polo presidente do alto órgano xudicial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo, e no que estarán representadas as institucións con competencias neste tipo de delitos, entre as que figuran, ademais da xudicatura, Fiscalía, Concello, Xunta, Delegación do Goberno, Garda Civil, Policía Nacional, Colexios de Avogados e Procuradores de Lugo, Instituto de Medicina Legal de Galicia e asociacións de vítimas, entre outros.

O acto de constitución da comisión foi presidido por Miguel Ángel Cadenas Sobreira, presidente do TSXG, quen destacou que a violencia sobre a muller é “un fenómeno que hai que atallar entre todos, debido a que se trata dun problema que dana a toda a sociedade e que parece que non somos capaces de reverter”. Cadenas mostrou especial preocupación polo impacto deste problema na mocidade.

O presidente da Audiencia Provincial de Lugo explicou que o obxectivo desta comisión é “crear un foro no que se poidan achegar ideas e detectar erros”. Varela Agrelo sinalou que na reunión de hoxe se expuxo a necesidade de mellorar a detección de posibles casos no medio rural.

Esta iniciativa do Consello Xeral do Poder Xudicial, que se está implantando nas Audiencias de todo o Estado, ten como obxectivo analizar os erros detectados na mesa de coordinación e tentar resolvelos. Na comisión estudaranse as cifras sobre a concesión de ordes de afastamento e achegaranse e propoñeranse novidades que axuden a mellorar na loita contra a violencia de xénero. A valoración das situacións de risco para as vítimas e a actuación das unidades de policía xudicial adscrita, así como dos institutos de Medicina Legal, serán outras das prioridades do organismo, no que tamén se abordarán as medidas de asistencia letrada ás mulleres desde dependencias policiais.

No acto celebrado hoxe na Audiencia as institucións designaron as persoas que formarán parte da Comisión Provincial de Violencia de Xénero. A acta do encontro será aprobada pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras o que se considerará constituída e procederase a convocar a súa primeira reunión de traballo.

Os intervenientes explicaron no encontro os servizos que presta cada institución e apostaron por dar un enfoque técnico á comisión. Tamén insistiron na importancia de formar e educar os mozos para facer fronte á violencia machista.

Etiquetas