Skip to main content
Actualidade

As Pontes crea unha rede de mini puntos limpos

Por 19 Febreiro, 2019Sin comentarios

As Pontes, co obxectivo de incrementar a recollida selectiva de lixo e facilitar á veciñanza o depósito de diversos materiais de refugallo, vén de instalar unha rede de mini puntos limpos no municipio.

O Concello instalou un total de 13 colectores, repartidos entre o centro urbano, na Rúa A Casilla e a Rúa Caraveles, e as parroquias de Goente, fronte á Casa Do Mel, A Faeira, no campo da festa, e fronte ós locais das asociacións veciñais de San Pedro de Eume, Gondré, Saa, Ribadeume, Marraxón, Pontoibo, Espiñaredo, O Freixo e O Aparral.

Trátase de espazos pechados con bocas de vertedura na súa superficie, que se comunican interiormente con 7 caixóns para o depósito de teléfonos móbiles, CDs e DVDs, cartuchos de impresora, pilas e baterías móbiles, lámpadas halóxenas e lámpadas led.

O grupo de goberno apunta que se tratan de materiais reciclables que non se poden depositar nos contedores situados na vía pública e que se acumulan nas casas sen que os veciños e veciñas saiban onde os hai que depositar.

“A través desta rede de mini puntos limpos queremos facilitar a súa recollida e aumentar a taxa de residuos inorgánicos reciclados, contribuíndo a reducir a factura polo tratamento do lixo no municipio”, subliña a concelleira de Atención, Participación Cidadá e Desenvolvemento Local, Montserrat García.

A instalación destes mini puntos limpos responde ó compromiso do Concello de As Pontes co coidado do medio ambiente, una cuestión que afecta a toda a veciñanza e que require da implicación de todos os ponteses e pontesas para avanzar cara unha vila máis sustentable e respectuosa coa contorna natural.