Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta chama a atención sobre o estado das árbores no Paseo do Rañego

Por 19 Febreiro, 2019Sin comentarios

Vilalba Aberta vén de rexistrar unha batería de preguntas no Concello, ao respecto da problemática derivada do estado actual dalgunhas das árbores que poboan o paseo do Rañego. Unha interpelación, que chega logo de se producir a caída dunha delas, con data do pasado sábado 9 de febreiro.

Neste senso, e ao tempo que critican o “deixamento de funcións do Alcalde”, dende a formación faise referencia á lexislación vixente, ao respecto das posibilidades de actuación das “persoas físicas ou xurídicas que quixeran realizar curtas ou talas de especies arbóreas na zona de servidume das canles públicas”. Un marco legal, que delimita para o Concello “a obtención con carácter previo da oportuna autorización por parte do organismo de conca.” Autorización, lembran, “que sería independente doutras que puideran resultar preceptivas, en especial daquelas obrigatorias no ámbito forestal ou medio ambiental.”

Na mesma liña se pronunciaban hoxe o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, e o que será o número 5 da formación nas vindeiras eleccións municipais, Carlos Xosé Currás.

Precisamente e, en palabras deste último, interpelarán ao Goberno, pois, “se o paseo é municipal, o Concello ten a obriga de mantelo dentro dunhas condicións de seguridade mínimas para os viandantes. Só ten que pedir permiso.” A este respecto, continúa, “dende Vilalba Aberta cualificamos a problemática de moi grave, pois máis alá de que afortunadamente nesta ocasión non houbera que lamentar ningún dano persoal, se botamos a vista atrás, e á marxe dos desperfectos que orixinan os derrubamentos, resulta especialmente alarmante a posición de vulnerabilidade da veciñanza que día a día pasea pola zona.

Para Modesto Renda, e polo que se refire á lexislación aplicable, “ademais da específica en materia de augas, hai que ter en conta a Lei de Montes de Galicia, pois fora da zona de servidume, as autorizacións para cortas ou talas a realizar na zona de policía do dominio público hidráulico requiriren da preceptiva autorización do órgano competente, por razón do territorio, en materia forestal, tal e como delimita Augas de Galicia.”
Neste senso se pronunciará na vindeira sesión ordinaria de Marzo, a fin de coñecer se existe “algunha actuación ou interlocución administrativa que xustifique a pasividade do Goberno Municipal a este respecto”.