Skip to main content
Actualidade

O Castro de Viladonga consolidará na súa estrutura de visitas os novos achados

Por 20 Febreiro, 2019Sin comentarios

O Castro de Viladonga consolidará nas próximas actuacións os restos da escaleira, o torreón e o alxibe que foron descubertos recentemente nas últimas escavacións realizadas entes xacemento de Castro de Rei.

Segundo os expertos, os valiosos achados que deixou a última campaña de escavacións obrigou a escavar máis alá do que estaba inicialmente previsto no proxecto e condicionará tamén as intervencións dos vindeiros meses.

Os traballos executados afectaron a unha superficie de 1.250 metros cadrados situados no sector nordeste do Castro, dos cales 100 foron de nova escavación e o resto actuacións sobre estruturas arqueolóxicas que foron exhumadas nos anos 70 e 80 do século XX para garantir a súa conservación.

O resultado é un percorrido máis accesible e completo, de forma que os visitantes poden ter unha mellor e máis segura experiencia na visita do castro. Así, acondicionouse o paseo superior da muralla do castro, incluíndo a colocación de chanzos de madeira ben integrados na pendente existente e dunha varanda acorde co entorno.

Igualmente, as obras serviron para poñer en valor o corte existente no sistema defensivo do castro, de forma que se permita a visualización dos diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foso. Ademais, executáronse as ramplas necesarias para mellorar a accesibilidade das zonas de actuación dentro do itinerario de visita do castro, e instaláronse nalgúns puntos varandas de madeira para maior seguridade.

Estas intervencións súmanse ás levadas a cabo entre os anos 2016 e 2017 para corrixir as deficiencias detectadas no estudo de diagnose elaborado en 2015, que esixían dun proxecto de conservación preventiva.