Convocada unha nova edición do concurso de tapas do queixo San Simón

O Concello de Vilalba prepárase para vivir o 6 de abril unha nova edición da súa Festa do Queixo da San Simón da Costa, que leva aparellado un concurso de tapas cunha gran relevancia e onde o prato estrela é este lácteo de fama internacional.

Así, a organización vén de publicar as bases do concurso de tapas deste ano, que se desenvolverá entre o 21 e o 31 de marzo e que está aberto a participación dos locais que o desexen. Trátase da XII edición deste concurso, para o que os locais teñen como prazo para anotarse ata o 22 de febreiro

Cada un deles presentará a súa proposta a un público esixente cun único requisito, que conteña queixo San Simón da Costa. Frías, quentes, doces ou salgadas… as opcións son moitas pero o gosto non pecará.

Como en edicións anteriores, haberá dúas categorías neste concurso de tapas, as creativas  e as tradicionais. De cada un destes grupos escolleranse catro semifinalistas, que serán as catro máis votadas polo público, que serán as que se presenten na gran final, que terá lugar o sábado, aínda que a hora non está determinada.

Para darlle máis relevancia a esta final, os oito pratos seleccionados terán que cociñarse en directo e posteriomente serán valorados por un xurado formado por un representante do Concello, outro da Denominación de Orixe e dous cociñeros, aínda sen determinar o mesmo día da Feira.

Para poder probar as tapas deste concurso hai que acudir aos locais participantes en horario de tapeo polas tardes e as fins de semana tamén ao mediodía. As tapas do concurso terán un prezo de 1,50 euros os da categoría tradicional e a partir de 2,50 as da categoría creativa.

Os consumidores das tapas poderán ademáis participar na Ruta do Tapeo ata o día 31 de marzo de 2019. Haberá a disposición do usuario unhas papeletas da Ruta do Tapeo, na que aparecerán todos os establecementos participantes, así como un mapa indicador da súa localización. Cada establecemento dispón dun espacio para que o consumidor, ao degustar a tapa, poida solicitar que lle selen o devandito espacio co selo do establecemento.

Cando o consumidor acade 10 selos de 10 establecementos diferentes, pode introducir a papeleta da Ruta do Tapeo debidamente cumplimentada cos seus datos persoais, pasando así a participar no sorteo de varios agasallos que se sortearán ao finalizar o concurso e serán citados, previa chamada telefónica, para a súa recollida.

Todas as papeletas da Ruta do Tapeo introduciranse nunha urna da cal sacaranse os premiados ao azar. Avisarase oportunamente aos premiados para citalos a que vaian a recoller o seu premio.

Etiquetas