O PSOE de Vilalba critica ao alcalde por non ter presentados os orzamentos

O Grupo Municipal Socialista vén de facer unha crítica ao goberno local de Agustín Baamonde por non ter presentado os orzamentos deste ano a tres meses das eleccións municipais. Así mesmo, os socialistas sinalan que o equipo de goberno ten a cinco edís cobrando das arcas públicas e unha maioría absoluta para sacar adiante a principal ferramenta de xestión.

A voceira dos socialistas, Elba Veleiro, aseverou que “os investimentos no ano 2019 veranse condicionados coa aprobación tan tardía dos orzamentos”, engadindo que “non hai desculpas nin xustificacións posibles para tal demora que arrastran ano tras ano”. Desde o Partido Socialista consideran que o alcalde fai deixadez de funcións continuadamente, e poñen de manifesto que “ben faría en non considerar a alcaldía de Vilalba como o seu retiro particular”. Neste senso, afirman que “Vilalba leva demasiados anos sumida na falta de iniciativas que posibiliten un punto de inflexión na perda de oportunidades para o desenvolvemento socioeconómico da capital da Terra Chá”, segundo Veleiro.

Desde a bancada socialista subliñan que “as maiorías absolutas teñen que servir para algo máis que para pasar o rodillo nos plenos”, censuran, ademais de sinalar que “Baamonde está pensando exclusivamente en como seguir gobernando, en como seguir embaucando á sociedade vilalbesa coa lei do mínimo esforzo e sen cumprir coas súas obrigas como responsable do goberno vilalbés”, conclúen.

Etiquetas