A asemblea de mulleres chairegas animan á mobilización do 3 de marzo en Lugo

O feminismo chairego segue en pé un ano despois da primeira gran folga de mulleres do pasado 8 de marzo. A capital lucense será o punto de encontro da segunda mobilización unitaria que terá lugar este domingo, 3 de marzo, polo que a asemblea de mulleres da Terra Chá está a alentar á participación de máis persoas da contorna.

Para iso, poñen a disposición un autobús que sairá desde a Biblioteca Municipal de Vilalba ás 10:30 horas, cun prezo por persoa de 5 euros. Para solicitar praza, pódese enviar un WhastApp ou facer unha chamada a calquera dos seguintes números de teléfono: 646 845 949 ou 630031864.

O colectivo da Chaira, integrado por mulleres diversas do territorio, fan fincapé na necesidade de formar parte “desta segunda mobilización que supuxo un punto de inflexión para o movemento feminista e a cidadanía en xeral”, aseguran, pois “as reivindicacións abranguen todos os dereitos e liberdades que as mulleres temos que seguir loitando para a súa aplicación práctica, pasando dos escritos que fican sobre papel mollado á igualdade real e efectiva”.

Así mesmo, levan algunhas semanas coa organización da folga de mulleres “que tivo un gran éxito e acollida o ano pasado en Vilalba”, esperando que “desta volta sumemos máis e o movemento feminista da Chaira se consolide”, subliñan. Neste senso, a próxima semana darán máis detalles da organización, tal como actividades,  horarios, lecturas de manifesto, etc. “Sabemos que con traballo, forza e ilusión, os  nosos reclamos serán cada vez máis escoitados porque este movemento é imparable”,  conclúen.

Etiquetas