Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Asamblea de Mulleres Chairegas convoca unha serie de actividades para o 8 de marzo

Por 6 Marzo, 2019Sin comentarios

A folga de mulleres do 8 de marzo pisa forte na capital da Terra Chá neste segundo ano de mobilizacións. A asemblea feminista da comarca vai máis aló das concentracións habituais que terán lugar nas diferentes localidades, e lanza de novo unha convocatoria para a folga desde as 12:00 ata as 20:30 horas na carpa da Praza da Constitución de Vilalba.

Neste plantexamento levan traballando semanas para ofrecer diferentes actividades dirixidas especialmente ás mulleres que se acheguen “para compartirmos e poñer en común as nosas reivindicacións, necesidades e ilusións nun proceso de aprendizaxe colectiva”, subliñan desde a organización.

A lectura do manifesto realizarase ás 12:30 h, continuada dun percorrido por diferentes rúas da localidade, que se volverá realizar pola tarde como colofón da xornada de folga, concretamente ás 20:30 h. “Animamos a todas as mulleres a que se sumen e saian á rúa con forza e convicción, e convidamos encarecidamente aos varóns a que realicen as tarefas de coidados que habitualmente fan as mulleres e que respecten os espazos que ese día temos que protagonizar e visibilizar desde o feminismo”. Neste senso, o colectivo aclara que “eles poden acompañar na loita pero estamos a falar dunha folga exclusivamente de mulleres, porque sobran os motivos”.

Tal e como se organizou o ano pasado, haberá un xantar compartido previo ás actividades de pola tarde, entre as que destacan a proxección de pequenas pezas sobre diversas temáticas para o seu debate, palestras, e tamén unha micro peza de teatro titulada “Falsa imaxe” a cargo das mulleres da Escola Municipal de Teatro de Vilalba. “Tentaremos recoller as principais inquedanzas das mulleres, pois consideremos esencial reflectir a nosa diversidade”, aseguran. A través dos chamamentos á participación que están a realizar a través das redes sociais, “sabemos que cada vez somos máis, rapazas novas que están tomando conciencia e saen á rúa con forza e ilusión polo cambio, mulleres que seguen ao pe do cañón despois de moitos anos de loita, outras que se suman e falan do espertar feminista, aquelas que traballan pola igualdade en todos os ámbitos da vida os 365 días do ano, todas somos importantes”.

O feminismo da Chaira ten moi presente as características específicas da súa contorna, “polo que nese día queremos facer especial mención ás mulleres do rural, ás que poderán asistir e ás que non”, destacan. “Colgaremos mandís para significar esta condición, para denunciar que o sistema se sostén a costa de que as mulleres nos encargamos dos coidados, sen remuneración algunha”, explican, convidando “ás persoas que acudan a que traian un mandil e o colguen dun xeito simbólico”.
Finalmente, a asemblea chairega pide a máxima difusión desa xornada de folga esperando o maior apoio posible desde todos os ámbitos “para poñer un chanzo máis na consecución da igualdade real e o freo a todas as violencias machistas, poñendo de relevo a importancia dunha educación pública, galega, laica e feminista