As dúas zonas do parque empresarial de Outeiro de Rei estarán comunicadas por unha senda

O parque empresarial de Outeiro de Rei verase mellorado coa comunicación das dúas zonas nas que se investirán 350.500 euros na construción dunha senda que permitirá mellorar a comunicación e a seguridade dos viandantes que están separadas pola vía do tren.

O proxecto consiste na construción dunha senda de 245 metros de lonxitude na marxe esquerda da estrada autonómica LU-115 Outeiro – Castro de Rei. Poderá ser empregado por peóns e ciclistas e mellorará a seguridade e a comodidade nos seus desprazamentos nesta zona, sen necesidade de invadir a calzada.

O trazado terá un ancho de dous metros e será executado con pavimento de formigón pigmentado en cor area; con muros de contención con alturas entre dende 1,10 a 7,80 metros.

Unha singularidade deste proxecto é que está prevista a construción dunha pasarela metálica no treito que transcorre sobre a vía do ferrocarril, conformada con dúas vigas cunha lonxitude de 16,60 metros. A pasarela terá 2,30 metros de ancho e para mellorar a seguridade dos usuarios contará cunha mampara antivandálica de 2,5 metros de altura.

Tamén está prevista a sinalización e balizamento da senda, a colocación de sistemas de protección e a instalación dunha varanda.

Etiquetas