O BNG solicita que se acondicionen as sinais de tonelaxe na Pastoriza

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, presentou un escrito para solicitar formalmente a adaptación da limitación de tonelaxe nas estradas da Deputación de Lugo á realidade dos vehículos agrícolas e camións de subministro das explotacións agrarias actuais no concello da Pastoriza. Ferreiro informou que “nos últimos tempos estanse a instalar limitacións de tonelaxe nas estradas da Deputación, limitacións que se poñen para preservar o seu estado e tamén por imposicións legais, pero que non permitirían a circulación de moitos vehículos necesarios para o normal funcionamento das explotacións agrogandeiras”.

Ferreiro sinalou que “na actualidade, é unha realidade que os vehículos e maquinarias agrícola, así como os apeiros asociados e os camións de subministro ás explotacións agrarias, son cada día de maior envergadura, sobrepasando, moitos deles, ese límite de peso co que, coa normativa actual, impediría a súa circulación por estas estradas. Tanto a normativa actual como o tipo de estradas da Deputación non evolucionaron ao mesmo ritmo que avanzaron as explotacións agrarias e os vehículos que estas necesitan para o seu funcionamento, estando neste momento completamente obsoletas e necesitando unha urxente revisión para adaptalas a realidade actual.

Segundo o voceiro do BNG “esta situación afecta a practicamente todos os concellos da provincia, pero algúns deles dunha forma especial dado o seu carácter eminentemente agrícola e as dimensións das súas explotación. Deste xeito, de non atopar unha solución urxente a este problema, impediría, por exemplo e xa de forma inmediata, o inicio da campaña de ensiladoo que tería unhas consecuencias demoledoras para unha gran cantidade de explotacións levando á ruína moitas familias e concellos da nosa provincia.

Aínda que dende a Deputación se está a informar que esta limitación de tonelaxe non afecta aos vehículos e maquinaria agrícola, exención que non inclúe aos camións de subministro e recollida de produtos das explotación e, ademais, esta exención non consta oficialmente en ningún lado, non evitando polo tanto as conseguintes sancións ou inmobilización dos vehículos no caso de incumprimentos da limitación.

Etiquetas