Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Friol celebra este domingo a XXVII edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá

Por 22 Marzo, 2019Sin comentarios

Un ano máis, o concello de Friol acollerá unha nova edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá, que chega á súa 27 edición e que terá lugar o 24 de marzo no centro da localidade, onde se ubicará unha gran carpa para acoller aos produtores destes tesouros da alimentación, estrelas desta celebración.

Ademais o alcalde presentou o expediente correspondente para que a Feira do Queixo e Pan de Ousá sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego. “Presentouse unha memoria onde xuntamos toda a información sobre queixos, panes, queixerías e panaderías do concello, así que estamos convencidos de que está feira merece o seu recoñecemento” dixo o alcalde durante a presentación.

“A feira do Queixo e Pan de Ousá é un gran escaparate gastronómico e turístico, sendo un dos principais sinais de identidade da vila, que axuda a dinamizar de maneira decidida a actividade económica, especialmente do sector primario. Sendo este o principal motor na actualidade, debemos contribuir a súa potenciación para que sexa o máis competitivo posible”, explicou o alcalde, José Ángel Santos.

Unha gran carpa ubicada na praza Andón Cebreiro acollerá arredor de 95 queixerías e 5 panaderías, que exporán os seus produtos para a súa venda. Segundo a organización, esperan superar con estas cifras a participación de anos anteriores, con 12.000 queixos e 3.500 pezas de pan no mercado nunha única xornada.

Ao carón desta carpa principal tamén estará situado o stand municipal, onde a partires do medio día todos os asistentes poderán degustar totalmente de balde os dous principais produtos acompañados dun viño. Ademais, arredor desta instalación, o Concello colocará stands onde poderán mercarse outros produtos agroalimentarios do concello, como carne, mel e ovos, entre outros.

Debido tanto á feira como á gran cantidade de público esperado, permanecerán pechadas ao tráfico tamén as rúas Deputación e Santa Isabel, onde se instalarán as pulperías e tendas ambulantes. O alcalde lembrou que todas estas instalacións estarán libres do abono das taxas municipais.

Previsiblemente o programa será parecido aos anos anteriores, e a festa dará comezo pola mañá co lanzamento de foguetes, para, media hora máis tarde, asignar os stands ás queixeiras e panaderías participantes. A feira abrirá as súas portas ao público arredor das 11.30 da mañá, co tradicional corte de cinta, que este ano correrá a cargo dunha panadeira.

A parte musical amenizarana os grupos Xesta Verde e a Charanga de Vilalba, e xa cara ás 19:00 horas A Banda da Loba ofrecerá un concerto de folk no Centro Sociocultural de Friol, e asi mesmo coincidirá coa nova apertura do Centro trala finalización das obras. A orquestra Olympus poñerá o broche final a esta importante feira, que se clausurará sobre as dúas da madrugada.

Debido á aglomeración de xente esperada, o concello habilitará un aparcadoiro nas instalacións do Mercado Municipal e nas rúas do Polígono Industrial.