José Bouso encabezará a candidatura á alcaldía polo PP na Pastoriza

O coñecido empresario a nivel provincial José Bouso encabezará a lista do PP na Pastoriza; un reto que afronta, asegura, “convencido, con humildade e con moito traballo para recuperar a alcaldía”. Deste xeito, e logo de acadar o apoio unánime da agrupación local nunha reunión mantida onte, o alcaldable afronta unha profunda renovación, liderando “un novo proxecto co que acadar a maioría absoluta”.

“Preséntome ás eleccións para facer un bo equipo e facer equipo. Son dos que me gusta gañar partidos como cando dirixía o Lugo, e este partido témolo que gañar”, destaca con optimismo e coa filosofía deportiva que caracteriza aos que están e estiveron vinculados coa deporte.

A presidenta do Partido Popular na provincia, Elena Candia, non oculta a súa satisfacción pola designación do candidato. “Que Bouso sexa cabeza de lista é, sen lugar a dúbidas, un valor engadido ao traballo do PP neste municipio”. Neste senso, destaca que “a súa capacidade de xestión e o forte vínculo que mantén coa nosa formación dende hai moitos anos, fano merecedor da nosa confianza e do noso respecto neste novo reto que lidera”.

Os populares levan moito tempo traballando para buscar os mellores candidatos para os concellos da provincia, no marco do do seu obxectivo de crear un proxecto de provincia que realmente atenda ás necesidades dos veciños. “Son moitas as reunións que estamos mantendo dende hai meses. O noso fin é buscar os mellores cabezas de lista para conseguir gobernos estables. Cremos que Pastoriza precisa xusto isto, un goberno estable, encabezado por un dirixente con experiencia en xestión. José Bouso reúne estas condicións e sabemos que vai traballar a reo para devolver a alcaldía ao Partido Popular”, suliña Candia.

José Bouso naceu en Bretoña. É un recoñecido e prestixioso empresario lugués do sector da construción. Ademais de pola súa profesión, é coñecido na socidade provincial por ser o vixésimo segundo presidente do Clube Deportivo Lugo; cargo que exerceu dende o ano 2004 ata o 2015, sendo substituído por Tino Saqués.

Agora dá un paso máis, encabezando o proxecto dos populares na Pastoriza e agardando facer do Concello e da xestión local unha administración útil e próxima aos veciños. “Os que me coñecen saben que me gusta estar, escoitar e falar coa xente. Iso é que aplico no meu día a día e iso é o que pretendo levar ao Concello”, conclúe.

Etiquetas