A Deputación incrementa en 1,6 millóns os investimentos do Orzamento de 2019 na provincia

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou o Goberno Provincial levou unha proposta ao Pleno para incrementar en 1,6 millóns os investimentos do Orzamento de 2019 na provincia mediante a incorporación de remanentes. A proposta, aprobada na sesión plenaria só cos votos dos deputados do PSOE, supón 100.000 euros para reeditar o Plan de Recuperación de Terras Abandonadas e 1,5 millóns para mellorar servizos públicos nos concellos en base ás súas necesidades.

Campos Conde explicou que “o Plan de Recuperación de Terras Abandonadas foi todo un éxito, pois máis de 350 gandeiros da provincia recibiron axudas das anteriores convocatorias desta programación e puxeron en produción 2.000 hectáreas que estaban baldías. Os 100.000 euros que destinamos agora permitirán recuperar outras 200 hectáreas, poñendo en valor o noso territorio e contribuíndo á actividade gandeira”.

Sobre os 1,5 millóns de euros de transferencias aos concellos, o presidente apuntou que, ao igual que se fixo cos remanentes de 2018, estes fondos destinaranse á mellora de servizos públicos nos municipios, atendendo ás necesidades trasladadas, “que son moitas e que xa nos gustaría poder atendelas a todas”. A única determinada ata o momento é o arranxo do campo de fútbol Pepe Barrera de Ribadeo.

Información pública: destino dos remanentes do ano pasado
A incorporación de remanentes ao Orzamento debe realizarse en Pleno. O destino destes fondos apróbanse en Xunta de Goberno, unha información que é pública e está a disposición de todos os interesados nunha ligazón específica en www.deputacionlugo.gal. Tal e como se pode comprobar, os remanentes do ano pasado destináronse a melloras na avenida de Outeiro na Pobra do Brollón, na avenida Álvaro Cunqueiro en Foz, avenida Ría de Ribadeo neste municipio, nos servizos de auga e alumeado no polígono de Guitiriz, no inmoble anexo á residencia de maiores en Monterroso, en instalacións deportivas en Alfoz, no contorno da praia fluvial de Baralla, no campo de fútbol do Corgo, entre outras actuacións, financiadas en municipios da provincia gobernados por distintas formacións políticas.

Etiquetas