Vilalba Aberta denuncia a falta de control municipal na reciclaxe dos plásticos do silo

Vilalba Aberta trasladará ao vindeiro e último Pleno Ordinario da lexislatura a problemática relativa ao “descontrol municipal” na reciclaxe dos plásticos do silo nas parroquias. Unha denuncia, que chega logo de contrastar o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, o “deixamento de funcións” do Goberno Municipal, en relación coa situación de “incumprimento sistemático da normativa municipal” establecida polo mesmo en sesión plenaria.

“O Goberno Municipal é o encargado último de velar por que os plásticos de uso agrícola se depositen nos lugares da parroquias especificamente habilitados” declaraba esta mañá un Modesto Renda, que afeou a “total pasividade do Goberno Municipal e máis do Alcalde”, pois, remarcou, “de nada serve establecer a norma se non se traballa e fiscaliza o seu correcto cumprimento”

As parroquias escollidas para comezar coa acción á que fai referencia, foron, a comezos de 2018, Codesido, Ínsua e Alba e os puntos de recollida de plásticos de silos consistiron en  recintos de 15 x 15 metros valados perimetralmente cun muro e una valla, nos que se podía entrar con furgoneta. Progresivamente, o resto das parroquias contaron con puntos de recollida similares para, en palabras do Alcalde, “intentar controlar os vertedoiros”.

“A acción estaba motivada, segundo explicou no seu momento o alcalde, porque na época de apertura de silos, os plásticos que non se recollen correctamente son moi contaminantes…. e que nos atopamos un ano despois? Descontrol na reciclaxe; colectores non habilitados cheos ao carón das vivendas; e ao mesmo Alcalde que sacaba peito, coleccionando no despacho os sucesivos avisos e reclamacións.” Sentenciou o Candidato.

Na mesma liña se pronunciará o vindeiro mércores, trasladando ao Pleno as desoídas reivindicacións veciñais e a fin de arranxar un problema que, tal e como lembran dende a formación, “carrexa un impacto social moi negativo, tendo en conta ademais dos problemas de salubridade, o impacto pouco decoroso que pode xerar nos visitantes que se achegan ao Concello nos meses previos ao verán.”

Modesto Renda non quixo deixar pasar a ocasión para ironizar sobre o recente aumento do canon á adxudicataria da recollida de lixo no Concello de Vilalba. “A dous meses das eleccións municipais e a un ano escaso de vencer o contrato con Urbaser, o Goberno Municipal acorda que hai que recoller o lixo polas parroquias con máis frecuencia, motivo polo que a empresa vai recibir máis de 57000 euros a maiores do estipulado. Tardaron case que 20 anos en acordar o que xa estaba acordado, o mesmo tempo que a empresa leva incumprindo o contrato e utilizando a Rúa Castelao como garaxe.” Remarcou.

Etiquetas