Hórreos e cabozos da Chaira

Por Miriam Fernández

Dentro das das variada e ricas manifestacións de arquitectura tradicional do rural galego o hórreo foi durante décadas unha construción fundamental de toda casa labrega, elemento empregado para curar e almacenar o gran (o millo en particular) e outros produtos agrícolas fora do alcance dos roedores e outros bechos que puidesen ameazar a colleita, os cales comprometerían a arraigada economía de subsistencia das aldeas galegas. Hoxe en día o hórreo chegou a nós como parte do patrimonio de moitas desas antigas casas de labranza, máis as súas funcións desdebúxanse co paso do tempo, perdéndose na maioría dos casos e perigando a súa integridade, pois non son poucos os que por desgraza se atopan en ruínas.
Este tipo de construción, abundante sobre todo en Galicia e Asturias, tamén se estende a outras zonas do norte da Península (León, Zamora, Cantabria, País Vasco ou norte de Portugal), áreas cunha climatoloxía que inflúe directamente en longos invernos e na necesidade de acopio de alimentos.

A orixe dos hórreos, do latín horreum e do grego, non está totalmente clara, máis as referencias de autores clásicos sobre agricultura apuntan a que xa se viñan empregando dende as etapa prerromana un tipo de almacéns elevados. Para os romanos o horreum designaba toda aquela estrutura destinada a almacenar bens, xa fose viño (horrea vinearia), provisións ou mercadoría (horreum penarium), obras de arte, libros, etc., pero primaba aquela connotación de almacén de cereais ou froitos, que podía ser horrea subterránea, ou en superficie, destacando aqueles que se elevaban sobre pequenos pés sobre o chan (horrea pensilia o sublimia). Nembargantes haberá que esperar ata o século XIII para atopar a primeira representación gráfica dun hórreo, presente nunha miniatura das Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio.

En Galicia existe unha ampla variedade de tipos de hórreos, diferenciados según a forma, tamaño e materiais construtivos (madeira, pedra, lousa,etc) adaptándose ó clima e recursos de cada zona. Aínda así todos eles comparten unha estatura ou elementos común: a base (columnas, piares, muretes de sostén,etc.), a cámara de almacenaxe rectangular, un medio de acceso (escaleiras) e os elementos ornamentais e simbólicos (pináculos, cruces, veletas, etc.). Desta variedade construtiva xurdiu tamén unha clasificación segundo áreas territoriais: hórreo mariñán, tipo Ribadeo, tipo Coristanco, tipo Tui, tipo Mondoñedo, tipo Vilalba, etc.

Na Comarca da Terra Chá predominia a tipoloxía de hórreo galego con algún exemplo de hórreo cadrado asturiano (zona oriental), construído coa cámara en madeira (tipo Vilalba) e con algún exemplo na zona de Abadín e a Pastoriza de estrutura mixta, e dicir, coa cámara realizada con madeira e pedra. Antigamente tamén era coñecido neste territorio a tipoloxía de hórreo primitivo ou cabazo (cabozo, cabaceiro, piorno, canasto), elemento de pequenas dimensións construído mediante o trenzado de varas (forma circular) e teitume de xesta, asentado sobre postes ou cepas (muretes de sostén).

Como xa mencionamos, Vilalba presenta unha tipoloxía construtiva propia que se estende por toda a Terra Chá e que a singulariza en canto a hórreos. O hórreo tipo Vilalba é un hórreo pequeno e estreito que se eleva sobre cepas (maioritariamente de cachotaría) separadas da cámara mediante unhas pezas de lousa coñecidas coma “tornarratos”, podendo ser substituídos por cepas macizas nas que o chan sobresae perimetralmente. A cámara está realizada en madeira, con doelas verticais cinguidas por unha faixa e cuberta a dúas augas, que se prolonga a xeito de pórtico ou vestíbulo sobre a porta de acceso. Nos extremos do pórtico érguense dous puntais que sosteñen a prolongación da teitume e se unen co piso da entrada, axudando a cerrar a pequena balaustrada dos laterais. As escaleiras poden ser exentas ou de fábrica, incrustadas na cepa frontal, e a decoración variada (molduras no pórtico, pintura da porta e cámara, etc.).

Aínda que a día de hoxe perderan a súa función principal, por fortuna os hórreos teñen unha protección especial por tratárense dunha mostra máis do noso patrimonio, unha mostra do peso da economía rural galega e do cultivo do millo en particular.

Etiquetas