Secuestro autorizado e veciños perversos

Por Lucía Otero Gato

Estou aínda en shock polo secuestro / rapto “autorizado” da miña tía Raquel, gran “fazaña” que levou a cabo a FUNGA (Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas), entidade dependente da Xunta de Galicia. Nin que dicir ten que ese secuestro, evidentemente, foi desautorizado por nós, a súa única familia; pero ante a neglixencia e incompetencia do Estado nada poden facer dous simples seres humanos.

Segundo a RAG (Real Academia Galega), ‘raptar’ é “levar a alguén contra a súa vontade do lugar onde vive habitualmente, valéndose da violencia ou de enganos”, e isto é exactamente o que lle aconteceu á miña querida tía a tarde do xoves 7 de marzo do presente ano. E ti, prezado lector, estaraste preguntando como e por que se chegou a esta situación tan anómala e espantosa. Pois resulta que miña tía, desde fai xa bastante tempo, está incapacitada xudicialmente debido á enfermidade mental que padece, unha esquizofrenia paranoide. Tanto a miña nai coma eu mesma —especialmente a miña nai—, dedicámonos todos estes anos ao coidado íntegro de Raquel, respectando a súa liberdade, apoiándoa durante as súas crises, queréndoa e aportándolle o máis importante: o calor dunha familia e dun fogar.

Non obstante, grazas á maliciosa acción duns veciños perversos, cos que a nosa familia mantén unha relación de inimizade desde hai varias décadas, a FUNGA tomou cargo da tutela da tía Raquel, alegando que ela non parecía estar correctamente coidada, posto que había unha veciña que asegurara que nunha ocasión lle dera o desaiuno a Raquel, e que, tal e como referían estes mesmos veciños honrados, a incapaz permanecería demasiadas horas no xardín que temos anexo á vivenda. Argumentos tan necios como falsos. Un ano antes de proceder ao rapto —é dicir, a comezos do 2018—, a FUNGA retirou da conta da unidade familiar unha importante suma de cartos, deixándonos ás tres (incluída a Raquel) en números vermellos.

Para a execución do secuestro, a FUNGA solicitou o “auxilio” dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Deste xeito, a tarde do xoves 7 de marzo, presentáronse diante da nosa casa, sen previo aviso, 5 coches da Garda Civil e outros dous coches máis, un deles —no que montaron á forza a Raquel— sen rótulo identificativo. Como se pode ver, a actuación, ademais de “heroica”, é digna dunha película de James Bond, coma se nós fóramos terroristas perigosas ou vendedoras de droga. Pregúntome se a Administración non ten mellores e máis nobres causas nas que empregar os impostos dos cidadáns. Debo engadir que nin sequera tivemos a posibilidade de despedirnos dela nin de prepararlle unha maleta coa súa roupa. Benquerida FUNGA, a miña tía é un ser humano, non un saco de patacas.

Querida Raquel, por se chegases a ler isto, desexo dicirche dúas cousas. A primeira, sen ti a casa non é o mesmo; vexo a túa habitación, as túas cousas, o silencio polo día e pola noite, a túa ausencia, e vénseme o mundo encima. A segunda, a mamá e máis eu querémoste moito, sabes que fixemos sempre por ti todo o que puidemos, oxalá estivera na nosa man solucionar esta atrocidade. Que sexa o que Deus queira que sexa.

Etiquetas