Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta presenta o seu Plan de Retorno da Mocidade ao Concello

Por 9 Abril, 2019Sin comentarios

Vilalba Aberta vén de anunciar a primeira das medidas que darán forma ao seu Programa Electoral de cara ás vindeiras Eleccións Municipais de maio. Contextualizada no que poderiamos definir coma o seu Programa Económico, isto é: na parte relativa ao desenvolvemento económico e industrial, emprego e emprendemento; o Plan Municipal para o Retorno da Mocidade é unha iniciativa pioneira na contorna, dirixida a facilitar o regreso da mocidade vilalbesa que reside e/ou traballa no exterior.

Mozas e mozos que, tal e como apuntan dende a formación, “tiveron que marchar en busca de oportunidades laborais e que, nos máis dos casos, están a desenvolver unha importante traxectoria laboral noutros Concellos, xerando un capital humano altamente valioso.”

Neste senso, e entendendo que captar este capital humano resulta fundamental para o desenvolvemento económico e social do Concello de Vilalba, para a rexeneración do seu tecido empresarial e para a atracción de novas oportunidades de negocio e emprego de calidade; as actuacións que lle darían forma serían as seguintes:

A Convocatoria dunha liña de axudas para o Retorno DA MOCIDADE ao Concello de Vilalba, dotada cun orzamento total de 127.840€

Esta primeira actuación municipal estaría destinada a axudar durante 4 anos ás empresas e emprendedores vilalbeses (ou con centro de traballo en Vilalba), así coma ao conxunto da mocidade vilalbesa que decida volver. Ademais, dende Vilalba Aberta establécese xa unha detallada memoria económica, pois no propio Programa Electoral delimítase que o 50% do seu financiamento, sairá do que se aforrarán as arcas municipais, en base á limitación salarial imposta ao seu Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, e que suporá un aforro de 15.980€ por cada ano de lexislatura.

Os custos subvencionables afectarán sobre o salario e os custos da Seguridade Social, en cálculo anual, con excepción da remuneración en especie, períodos e gastos de locomoción. A este respecto, estableceríanse tres liñas de axudas diferenciadas:

A primeira estaría destinada a apoiar economicamente ás empresas con centro de traballo no Concello que contraten, a xornada completa e por un mínimo de dous anos, aos mozos e mozas retornados para o desenvolvemento dun novo proxecto ou a ampliación dun xa existente no ámbito da innovación, o financiamento, a internacionalización, as industrias culturais e creativas ou a economía circular.

A segunda liña fomentaría a posta en marcha de proxectos empresariais no Concello de Vilalba promovidos polos propios retornados, que acheguen un valor engadido ao tecido empresarial vilalbés e ao desenvolvemento económico e social de vila e parroquias.

A terceira liña, condicionada á concesión da primeira ou segunda liña, estaría enfocada a minimizar os gastos asociados ao retorno: desprazamento, mudanza, aloxamento, entre outros…

Posta en marcha dunha Plataforma Web que facilite a comunicación entre a mocidade que quere volver, as empresas vilalbesas e o propio Concello

Nesta páxina poderíanse consultar as distintas ofertas de emprego das empresas que participan no Plan e que buscan profesionais cualificados para formar parte do seu persoal. O obxectivo sería facilitar aos retornados/as a procura de emprego e reinserción laboral, ofrecéndolles a información máis exhaustiva das distintas vacantes. Todas as ofertas de emprego pasarían por un departamento de control que avaliaría o cumprimento de todos os requisitos para participar, así coma que as empresas estean en disposición de ofrecer as condicións laborais esixidas.

Creación dun Selo de Empresa colaboradora co Plan Municipal PARA O Retorno dA MOCIDADE, que dea visibilidade ás entidades que colaboran coa iniciativa

“A posibilidade dun recoñecemento futuro ao papel esencial que xogará o noso tecido empresarial no desenvolvemento efectivo do plan, requirirá do futuro Goberno Municipal que aspiramos encabezar, ofrecerlle a lóxica visibilidade, a través dun selo de colaboradora, ás empresas vilalbesas que cooperen coa iniciativa, contratando a mozos/as cualificados que queiran volver a Vilalba.” Explicaba na mañá de hoxe o candidato á Alcaldía da formación, Modesto Renda.

“O empresariado vilalbés será o noso principal aliado para conseguir o despegue definitivo do Concello de Vilalba no que ten que ver co desenvolvemento socioeconómico, a xeración de emprego de calidade e o aumento da capacidade de retención e retorno do talento que converta a Vilalba nun Concello moderno, puxante e sustentable”, sentenciou.