O BNG de Castro de Rei denuncia a hipocrisía e indecencia política do alcalde coa vila

Digna Lagarón, portavoz do BNG, denuncia “a hipocrisía e a indecencia política do alcalde de Castro de Rei, que leva dous anos desprezando un acordo plenario, que el mesmo votou, e reiteradas propostas do BNG, para rehabilitar o casco urbano da vila de Castro de Rei, publicando agora, en plena campaña electoral, un bando para anunciar que vai facer estas obras con fondos do concello, en dúas anualidades, con cargo ao orzamento municipal do 2019 e 2020, que non están aprobados nin se sabe quen os vai elaborar e aprobar a partir do 26 de maio”.

Digna Lagarón recordou que o Pleno do concello de Castro de Rei aprobou en febreiro de 2017, a proposta do BNG de “rehabilitar o casco urbano da vila de Castro de Rei: beirarrúas, parque infantil, colocación de papeleiras, acondicionamento dos espazos de lecer, accesibilidade, dotación dos elementos urbanos que se consideren necesarios, etc., para mellorar e actualizar os servizos e a imaxe da vila de Castro de Rei, capitalidade do Concello”. O alcalde votou a favor e manifestou que xa tiña un proxecto e un orzamento elaborado do 2015.

Co ánimo de que se axilizara a realización destas obras, en abril de 2017, Digna Lagarón, portavoz do BNG, presentou un escrito para que se financiaran con cargo ao Plan Único da Deputación de 2017. O alcalde decidiu non incluílas. En marzo de 2018, como non se avanzara nas obras acordadas, Digna Lagarón volveu demandar que se financiaran con fondos propios ou con cargo ao Plan Único da Deputación do 2018. O alcalde volveu desprezar o acordo plenario e as reiteradas demandas do BNG. Pasou igual coa proposta do BNG de dotar a caseta do polbo dun aseo público. Foi aprobada pero, un ano despois, segue sen construírse.

“Esta é a maneira habitual do alcalde de Castro de Rei. Utiliza a súa maioría absoluta para impedir e desprezar que as propostas do BNG non sexan aprobadas nos plenos e cando, como neste caso, non se atreveu a votar en contra, desprezas ou non fai nada por executalas” engade a portavoz do BNG de Castro de Rei.

Etiquetas