O PSOE de Vilalba lamenta a negativa de Educación de prestarlles o salón do Basanta Silva para un mitin

O PSOE de Vilalba vén de facer unha crítica á decisión da Consellería de Educación de denegar o salón de actos do IES Santiago Basanta Silva para o mitin central das eleccións xerais na capital da Terra Chá. Para os socialistas supón unha restrición “nada casual” por parte da Xunta de Galicia, pois en lugares como Vilalba non se ofrece unha alternativa para este tipo de actos e impídense “de xeito interesado” os mitins en lugares públicos. O local designado para actos electorais en Vilalba é a biblioteca municipal, “cun salón de actos actualmente fóra de servizo, e en todo caso, sen accesibilidade posible nun terceiro andar sen ascensor”, sinalou Elba Veleiro, voceira municipal e candidata á alcaldía de Vilalba polo Partido Socialista. A decisión do Goberno galego a través da súa Consellería de Educación “perxudica que os partidos políticos fagan un chamamento á veciñanza para expoñer libremente e en lugares públicos o seu proxecto, neste caso para gobernar o estado”, censurou Veleiro.

Desde o PSOE convidan a todas as persoas progresistas que acudan esta tarde á Nova Ruta de Vilalba para o mitin das eleccións xerais ás 20:30 horas. Intervirán Elba Veleiro, candidata á alcaldía, César Mogo, candidato ao Senado pola provincia de Lugo, Ana Prieto, candidata ao Congreso pola mesma provincia e Álvaro Santos, secretario xeral do PSOE Provincial. Desde Vilalba animan á veciñanza de toda a contorna a que acuda “para que se vexa a tremenda ilusión que esperta de novo o socialismo no noso país e o fundamental de apoiar estas siglas para frear o involucionismo ao que nos queren someter desde as forzas de dereita”, destacou Veleiro.

Etiquetas