O SLG presenta unha iniciativa francesa para poñer en valor o leite

O Sindicato Labrego e “C’est qui le patron? / Quen é o xefe?” presentaron por primeira vez en Galicia esta iniciativa social de orixe galo na que a propia cidadanía vota o tipo de leite que quere consumir, a que prezo e en que medida se remunera o traballo nas granxas.

A que está considerada como “A marca d@ consumidor/a” conseguiu agrupar en Francia 155 granxas que xa levan vendidos máis de 107 millóns de litros de leite cun prezo en orixe de 39 céntimos e de venta ao público de 99 céntimos. Son os propios consumidores e consumidoras os que escollen os compromisos destas granxas, con garantías como que as vacas pazan entre 3 e 6 meses ao ano e que nos seus complementos alimenticios se utilicen forraxes cultivados a menos de 100 km da granxa e sen presenza de transxénicos.

Esta experiencia presentouse en Compostela explicando os obxectivos desta iniciativa e detallando a folla de ruta da “marca dos consumidores” no territorio. O gandeiro francés Régis Mainguy contou a súa experiencia tras dous anos producindo leite para esta iniciativa.

Etiquetas