Aberto o prazo para participar no XL Certame Terra Chá

A asociación Xermolos de Guitiriz ven de abrir o prazo para o XL Certame Terra Chá, un concurso vinculado ao Festival de Pardiñas. Poderán participar obras nas seguintes especialidades: contos, debuxo, poesía, teatro, documentais, fotografía, cómic, murais, grafiti, vídeo-creación, improvisación oral, regueifas e rap.

Haberá dous grupos de premios da mesma calidade e cantidade, uns para os alumnos dos centros educativos da comarca chairega e, os outros, para aqueles que cheguen desde colexios, escolas ou institutos doutras partes de Galicia.

Os galardóns concederanse nos niveis de educación infantil, nos tres ciclos de Primaria, os dous de Secundaria e en bacharelato. Haberá premios para os tres mellores de cada nivel e especialidade, que se repartirán en material e libros valorados en 60 euros para o primeiro; 50, para o segundo, e 30, para o terceiro.

Os interesados en participar no XL Certame Terra Chá deberán enviar os seus traballos ás direccións dos centros de ensino ou ben envialos a Asociación Xermolos ou por correo electrónico a xermolos@xermolos.org e o teléfono 646.41.38.90.

O prazo para enviar as obras estará aberto ata o próximo 31 de maio e os premios entregaranse o 4 de agosto no Festival de Pardiñas.

Etiquetas