A Deputación de Lugo aproba apoiar a petición de recoñecemento das festas parroquiais como Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia

A Deputación de Lugo aproba apoiar a petición de recoñecemento das festas parroquiais como Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia, unha proposta que o PP conseguiu sacar adiante por unanimidade. O Goberno provincial implicarase ademais na promoción e divulgación da recollida de sinaturas, promovida pola Asociación Galega de Orquestras, para solicitarlle á Xunta de Galicia que as festas parroquiais galegas sexan recoñecidas como Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Os populares defenderon que as festas parroquiais constitúen “unha tradición cultural viva e arraigada ao longo do tempo, que contribúe decisivamente a conformar a identidade e a cohesión social dos veciños e veciñas de Galicia”. Neste senso, engaden que en Galicia se produce “un fenómeno particular e único, con fins de semana de máis de 200 festas, que non se poderían entender sen as orquestras e as verbenas”, o que xera, a maiores, miles de postos de traballo directos en Galicia.

Dende o Grupo Provincial do PP valoran que dende a Asociación Galega de Orquestras se está a levar a cabo “un traballo encomiable de promoción e divulgación da festa popular galega co obxectivo de que sexa declarada Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia”.

Así, entre as actuacións que está a desenvolver esta asociación, segundo enumeran os populares,  “cabe destacar a recollida de sinaturas para apoiar a proposta de solicitar á Xunta de Galicia que as festas parroquiais galegas sexan recoñecidas como Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia”. Tamén lembran o macro festival ‘Tributo á Verbena’ que se desenvolveu en Mondoñedo entre os días 5 e 7 de abril. “Tratouse dunha homenaxe ás festas para poñer en valor a cantidade de xente que poden convocar e reivindicar a festa”, precisou a voceira Elena Candia.

Etiquetas