Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Teixido presenta a candidatura popular que conta con persoas das distintas parroquias que xa traballan por Guitiriz

O alcaldable popular de Guitiriz, Xosé María Teixido, presentou a candidatura completa coa que concorre ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Foi nun acto no que participaron José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro onde o candidato do PP á alcaldía trasladou “o máximo agradecemento polo seu esforzo” a tódolos membros da candidatura que “se teñen integrado no proxecto popular para o noso Concello”.

A candidatura popular é paritaria, xa que conta con 8 homes e 8 mulleres; e alcanza un 56% de renovación ao integrar a un total de 9 novos nomes dun total de 16 veciños e veciñas. Teixido explica que o acompañan “persoas procedentes das distintas parroquias do municipio e relacionadas con diversos sectores” que “representan á sociedade guitiricense”.

Comezan a súa andadura na política municipal da man do Partido Popular: Ángel Seoane –de Pígara-, Gonzalo Rivas -do Buriz-, María José González -dos Vilares-, Francisco Juan Pérez –da parroquia de San Xoán Guitiriz-, Manuel Amil –de Santa Cruz-, Mónica Cruz – de Becín-, Alzira Trinidade de Almeira –de Labrada- e María del Pilar Pérez –tamén da parroquia de Guitiriz-. A candidatura popular tamén conta cos actuais concelleiros Francisco Penas –de Parga-, María Manuela Carballeira –de Guitiriz- e Mónica Vázquez –de Mariz-; ademais de Alicia Vázquez –representando á parroquia de Pedrafita-, Jesús Iglesia –de Santa Mariña-, Noelia Torres – de Sambreixo- e Antón Núñez –do núcleo urbano de Guitiriz-.

Teixido avanzou que “estamos a traballar de forma seria e centrados en Guitiriz”, igual que nos últimos anos tanto dende o Goberno municipal coma dende a oposición.

Recentemente, os populares iniciaron unha serie de reunións polas distintas parroquias do municipio para escoitar aos veciños e veciñas e ter en conta as súas propostas no vindeiro mandato. As reunións, que contan coa asistencia dos candidatos de cada zona, deron comezo o 1 de maio en San Salvador; pero xa chegaron tamén á parroquia de Trasparga para escoitar aos seus veciños e veciñas e tamén aos de Roca. Despois do vindeiro luns 6 na parroquia das Negradas –onde tamén recibirán aos veciños e veciñas de Vilar- continuarán ata o vindeiro día 17 ata concluír as xuntanzas cos veciños e veciñas de tódalas parroquias de Guitiriz.

Teixido explica que “as reunións cos guitiricenses serven tamén para trasladarlles a situación da política municipal e os apoios que recibe o Concello por parte da Xunta de Feijóo para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e outros servizos, ademais das axudas que reciben os agricultores e gandeiros directamente”. O popular engade que “o Goberno local do PSOE está a recibir importantes  investimentos da Xunta que, cunha boa xestión municipal, darían outros resultados. Igualmente, incide Teixido en que “o Concello recibe máis achegas da Deputación que durante o mandato popular no municipio porque nos últimos catro anos, co Goberno en minoría do PSOE na Deputación, o Grupo Provincial Popular contribuíu á implantación dun reparto de fondos para os Concellos seguindo criterios obxectivos”.

Candidatura

  1. Xosé María Teixido Núñez
  2. Ángel Seoane Lamela
  3. Francisco José Penas Pardo
  4. María Manuela Carballeira García
  5. Mónica Vázquez Lago
  6. Gonzalo Rivas Pena
  7. María José González Roca
  8. Francisco Juan Pérez Hermida
  9. Alicia Ventosinos Vázquez
  10. Manuel Amil Carreira
  11. Mónica Cruz López
  12. Alzira da Conceiçao Trinidade de Almeida
  13. Jesús Iglesia Bergantiños

Suplentes

María del Pilar Pérez Caso

Noelia Torres Caamaño

Antón Núñez Teixido