Skip to main content
ActualidadeXermade

O PSOE de Xermade presenta unha candidatura reforzada tras mellorar as infraestruturas e as prestacións públicas do rural

O PSOE de Xermade presentou a súa candidatura para as próximas Eleccións Municipais que liderará o actual rexedor, Roberto García Pernas. Fíxoo xunto á Secretaria de Organización do PSOE na Provincial de Lugo, Mar Iglesias, e á Deputada do PSOE no Parlamento Galego, Patricia Otero, acompañados de militantes e veciños da Comarca.

O alcalde de Xermade destacou que “cando chegamos ao Goberno Municipal atopámonos un Concello co rural abandonado e os servizos públicos deficientes. O primeiro que fixemos os socialistas foi acondicionar e mellorar as prestacións das parroquias de Xermade porque existía unha clara discriminación. E o fixemos destinando case 1 millón de euros para rehabilitar os camiños, estradas e pistas forestais que estaban en moi mal estado, dotando de 3 novos depósitos de auga para incendios e 1 para auga potable, ademais de mellorar a traída de auga municipal que tiña constantes avarías. Tamén ampliamos e restituímos o alumeado público, pois había zonas do Concello que estaban practicamente a escuras. En conclusión, agora os veciños de Xermade contan cos servizos públicos que merecen para poder vivir dignamente no rural”.

“A xestión do PSOE durante estes 4 anos de mandato permitiu que deixaramos a débeda do Concello a 0 e triplicaramos o remanente municipal, pasando dos 200.000 euros aos 600.000 euros. Estes datos deixan claro que é posible investir na mellora do benestar social dos veciños sen que isto afecte as arcas do consistorio. Co PP os xermadenses tiñamos menos cartos e peores servizos, agora co PSOE, contamos con máis orzamento e mellores prestacións”.

O alcalde de Xermade subliñou que “grazas ao PSOE o Concello de Xermade conta cun completo parque móbil. Cando chegamos ao goberno nos atopamos con que o Concello non tiña nada, nin unha máquina para poder facer reparacións ou melloras no municipio. En só 4 anos dotamos ao municipio de 2 tractores, 4 desbrozadoras, 1 retroniveladora, 1 camión grua e 1 coche para os traballadores municipais”.

“No proxecto político dos socialistas un dos eixes vertebradores das nosas políticas é dinamizar a actividade e a vida da vila. Neste eido desenvolvemos distintas iniciativas co obxectivo de potenciar o turismo, o deporte e a cultura de Xermade. Para iso, recuperamos a ruta de sendeirismo do Trimaz, impulsamos o Encontro de Torneiros, que é un referente en Europa, dotamos de 3 parques infantís en Momán, Piñeiro e Candamil, renovamos o chan do campo da feira, rehabilitamos a cuberta do pavillón deportivo, compramos un cortacéspede para o equipo de fútbol e ofrecemos unha ampla programación de actividades para as escolas infantís, así como obradoiros para as asociacións culturais”.

O Rexedor socialista explicou que “presentamos unha lista reforzada para acadar a maioría no Concello e gobernar en solitario. Somos un equipo que representa os diferentes sectores da sociedade de Xermade. Temos veterinarios, gandeiros, profesionais forestais…”. A candidatura do PSOE intégrana Roberto García Pernas, José Prieto Barro, Carlos Alberto Guerra González, Verónica Amarelo Morado, Nélida Coira Pena, María Pilar Gómez Gato, María Dolores Verez López, Tamara Paz Balsa e Carlos Guerreiro Prieto. Suplentes: Olga Iglesia Cideres, Baudilio Prado Insua, José Ledo López, José Carreiras Prieto e Obdulia Amarelo Fernández.