Friol prepárase para a III edición do Friulio esta fin de semana

Esta fin de semana celebrarase a terceira edición do encontro castrexa-romano Friulio que conta coa colaboración do Concello de Friol e a Asociación de Recreación Histórica A Castronela.

Debido ao éxito obtido nas primeiras edicións do Friulio, a organización optou por fixar a data de celebración no segundo fin de semana de maio, dous días en plena primavera, nos que confían en que as condicións meteorolóxicas sexan benévolas.

A organización do Friulio 2019 conta con 23 asociacións participantes de recreación histórica, dúas asociacións de música tradicional, dúas de divulgación cultural e tres máis culturais de Friol. Varias destas veñen de diferentes partes do territorio galego e algunhas de fóra de Galicia, como de León, Soria e Asturias.

As actividades comezarán ás 11:00 coa apertura do asentamento castrexo, a chegada do druída e os guerreiros a cabalo.

Máis tarde serán os obradoiros de tear e de pintura.

Ás 11:30 sairán as tropas romanas desfilando pola vila, para continuar, ás 11:35, cunha demostración de orfebrería, de fiado e de coroza e xuncos. Tamén poderase desfrutar da gastronomía castrexa a partir das 12:00 horas, e dos xogos populares.

Ás 13:00 horas comezará unha escaramuza castrexo-romana no paseo fluvial sen esquecer a tradicional sesión vermú amenizada por Xesta Verde.

Xa pola tarde haberá un obradoiro de complementos, outro de pintura e un de fiado, ademais dunha demostración de tear castrexo ás 16:50 horas. Dúas horas máis tarde será o descenso en balsa polo río Narla e ás 19:30 o asedio ao Friulio. Finalizarán as actividades, ás 23:00, con música a través da actuación de grupos moi recoñecidos e de moito tirón popular como Forget La France, McKuin, Exit e David Espósito.

O domingo 12 o programa festiva dará comezo ás 11 horas coa apertura do campamento, e acto seguido será o obradoiro de tear. Ás 12:00 haberá xogos populares, e ás 12:15 horas comezará unha degustación de porco celta ao espeto, un exquisito manxar. Tamén haberá unha sesión vermú amenizada por Xesta Verde e Arrincadeira Folk.

Ás 12:45 será a liorta polo tesouro do Castro, e antes do xantar entregaranse os premios do Concurso de Escaparatismo e Fachadas. A clausura desta edición terá lugar antes do xantar.

Etiquetas