Cultura galega e historia enchen a Provincia na Semana das Letras

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou nos corredores do Pazo de San Marcos, a programación cultural que organiza a Deputación con motivo da Semana das Letras Galegas. A programación, que comeza o próximo luns, contará con actuacións musicais, espectáculos de danza, teatro e monicreques e con actividades en centros educativos de toda a Provincia.

O presidente explicou que “esta é unha cita importante para a nosa cultura. Cada ano homenaxeamos a unha figura relevante que reflexa o noso patrimonio lingüístico e literario, e este ano tocoulle a Antón Fraguas, historiador e etnógrafo, unha figura necesaria para poñer en valor o tesouro que é a nosa cultura popular”.

Campos Conde tamén destacou que: “non podemos centrarnos só no que xa foi, pois a nosa é unha cultura viva e que segue creando, temos numerosos escritores, poetas, cantantes, artistas, actores… que reivindican crear e vivir en galego, e aos que apoiamos desde o Goberno da Deputación”.

Durante toda a semana, desde o luns 13 ata o xoves 16 de maio, centros escolares de toda a Provincia, desenvolverán a Semana Escolar das Letras co libro manual Antonio Fraguas, Unha Epopea Vital, na que se da a coñecer vida do autor homenaxeado este ano, e supón, ademais un percorrido pola historia de Galicia no século XX. Por outra banda Os Romeiros do Caracol levará á tradición e as lendas de San Andrés de Teixido, ao público familiar da Pastoriza e Monforte.

A Praza de San Marcos acollerá diversas actividades, como o espectáculo musical Canta, Miña Pedra, Canta, na que o músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita, interpretan cantigas populares recollidas polo autor en Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade, a función de danza de Terra, a cargo da Asociación Cultural Falcatrueiros; e actuacións da Tradescola, da Banda Filarmónica de Lugo, ou da cantante Lucía Pérez. Ademais os xardíns da Deputación encheranse de música na sesión Vermú do Fa Ce La Fest, coas actuacións de Chicharrón e Os Amigos dos Músicos e o domingo 19 membros de Palimoco Teatro percorrerán as rúas do centro de Lugo cunha actuación teatral.

Luns 13 de maio
Os Romeiros do Caracol espectáculo de monicreques e música. A Pastoriza.
Martes 14 de maio
Concerto de Lucía Pérez. Ás 20:00 horas na Praza de San Marcos.
Mércores 15 de maio
Canta, Miña Pedra, Canta de Xoán Curiel e Charo Pita. Ás 18:30 horas na Praza de San Marcos.
Terra espectáculo de danza da Asc. Cultural Falcatrueiros. Ás 20:00 horas na Praza de San Marcos.
Xoves 16 de maio
Os Romeiros do Caracol espectáculo de monicreques e música. Monforte de Lemos.
Concerto da Tradescola . Ás 18:30 horas na Praza de San Marcos.
Concerto da Banda Filarmónica de Lugo. Ás 20:00 horas na Praza de San Marcos.
17 e 18 de maio
Sesión vermú do Fa Ce La Fest con Chicharrón e Os Amigos dos Músicos. Xardíns da Deputación.
Domingo 19 de maio
Letra Viva 2019 representación teatral de Palimoco Teatro. Ás 21:00 horas polas rúas do centro de Lugo.
Luns 20 de maio
Canta, Miña Pedra, Canta de Xoán Curiel e Charo Pita. Ás 18:30 horas en Guitiriz

Etiquetas