A Deputación leva 24,5 millóns aos 67 concellos co Plan Único 2019

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou que convocou a comisión informativa sobre o Plan Único 2019, pois o organismo provincial vén de rematar de recompilar a documentación correspondente de todos os proxectos que se levan ao conxunto do territorio lugués a través desta programación. Estas actuacións aprobaranse definitivamente nos vindeiros días nun Pleno Extraordinario.

Campos Conde explicou que “o plan único está dotado de 24,5 millóns. Desta cantidade, os municipios aportan uns 3,5 millóns e dende a Deputación achegamos uns 21 millóns, que distribuímos nos 67 Concellos a través de criterios totalmente obxectivos como a superficie, poboación, taxa de envellecemento ou a dispersión territorial de cada municipio. E así o levamos feito durante todo o mandato con todas e cada unha das programacións que puxemos en marcha co obxectivo de chegar a todos os recunchos da nosa provincia e responder ás necesidades dos máis de 300.000 lucenses en contraposición do que fai a Xunta, que practicamente non trouxo ningún investimento á nosa provincia, discriminándoa, e os poucos que vimos repartiunos de xeito caciquil e partidista, beneficiando a tan só uns poucos Concellos gobernados pola mesma formación política”.

O Plan Único 2019 está dotado de 24,5 millóns de euros. Desta cantidade, 16,7 millóns son para obras de mellora ou dotación de novos servizos públicos nos 67 Concellos. Por exemplo, estradas, instalacións deportivas, culturais, educativas, áreas recretativas, traídas de auga, saneamentos, adquisición de contenedores de lixo, maquinaria….

Outros 3,5 millóns son para xerar novos empregos nos 67 Concellos. Son postos de traballo nos propios Consistorios cos que reforzar os servizos que deben prestar os municipios aos veciños. Están dirixidos a lucenses no paro.

3 millóns son para o SAF Básico que ofrece atención profesional a maiores da provincia non dependentes. Trátase do Servizo a Domicilio que deixou de financiar a Xunta. Actualmente, a Deputación atende a máis de 2.300  veciños a través desta prestación.

Máis de 650.000 euros son para a organización de actividades, citas ou eventos turísticos que dinamizan económica e socialmente os Concellos durante todo o ano.  Case 490.000 euros son para actividades culturais. Máis de 400.000 euros para actividades e eventos deportivos. Uns 105.000 euros son para a administración electrónica. E 17.000 euros para o financiamiento dos Grupos de Protección Civil.

Etiquetas