Os premios da Gala do Libro Galego 2019 xa teñen gañadores

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada hoxe, sábado 11 de maio de 2019, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.

Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo, formado por Antonio Fernández Maira, Camilo Franco (que se ausentou na deliberación da modalidade de Xornalismo cultural), Elena Gallego Abad, María Xesús Nogueira (que se ausentou na deliberación da modalidade de Poesía), Román Raña, Pilar Sampedro e Kiko da Silva (non participa na deliberación da modalidade de Banda deseñada).

A Gala do Libro Galego conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña.

Así pois, a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios é a seguinte:

Ensaio e investigación

Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).

Divulgación

Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora).

Narrativa

Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia).

Infantil

Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora).

Xuvenil

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora).

Libro ilustrado

Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora).

Libro de banda deseñada

O puño e a letra, por VV. AA. (Edicións Xerais de Galicia).

Iniciativa bibliográfica

Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora.

Tradución

A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné).

Poesía

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).

Teatro

Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora).

Libro mellor editado

Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora).

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Proxecto literario na rede

Brétemas, de Manuel Bragado.

Xornalismo cultural

Revista Luzes.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019, premiou a María Xosé Queizán, e A Federación de Librarías de Galicia premiou a Antonio Fernández Maira.

 

Etiquetas