Vilalba Aberta presenta o primeiro programa electoral específico para as parroquias

“As parroquias ao mesmo nivel que a vila”. Así comezaba a súa intervención o voceiro e candidato de Vilalba Aberta á Alcaldía, Modesto Renda, na rolda de prensa de presentación do seu anunciado Programa Electoral para Parroquias. Un sub programa, que suporá, por primeira vez no Concello de Vilalba, que as parroquias teñan un Programa Electoral propio, ademais do establecido para as mesmas no Programa Electoral Xeral.

A formación, que elixiu a parroquia de Alba para dalo a coñecer, fixo fincapé na importancia que, para Vilalba Aberta tivo, ao longo da lexislatura que remata o rural vilalbés. “O 72% das iniciativas presentadas nestes 4 anos tiveron, directa ou indirectamente, que ver coas parroquias e as súas problemáticas” lembrou a este respecto a número 2 da formación, María Xosé Fernández.

Na mesma liña se pronunciou un Modesto Renda, que chamou a “poñer fin a un centralismo ineficaz, que non entende a importancia estratéxica dunhas parroquias que deben volver a ser o eixo económico e fundamental sobre o que se vertebre o Concello.”

Neste senso, as 9 actuacións de Goberno que prevé Vilalba Aberta de cara á vindeira lexislatura. 9 medidas “claras, orzamentadas e contrastadas noutros Concellos” entre as que se atopa o Plan Municipal de Transición Forestal, que a formación defendeu xa en pleno e que se viu paralizado pola maioría absoluta do Partido Popular na Corporación.

“Reverter o actual estado de abandono do noso monte, facelo economicamente rendible para a veciñanza e máis seguro diante do permanente risco dun incendio. Ese será o obxectivo prioritario do Goberno Municipal que aspiramos encabezar” apuntou Modesto Renda.

Un triplo enfoque económico, social e ambiental que, tal e como se recolle no Programa, partirá da apertura dunha liña de axudas ao repoboamento con frondosas (a castaña multiplica por 6 a rendibilidade do eucalipto) e da bonificación fiscal á diversificación do terreo, co fin de avanzar cara explotacións conxuntas.

Outra das iniciativas presentadas na lexislatura que figura no documento é o Plan Municipal de Transición Ecolóxica, para o fomento e desenvolvemento da agricultura ecolóxica e de proximidade. A este respecto, as actuacións que lle darían forma serían a primeira creación dunha Plataforma de Distribución Directa, con localización na Paza de Abastos e quedando os veciños vendedores/as (tanto fixos coma eventuais) deste tipo de produtos exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan; o establecemento dunha Oficina de Asesoramento no Concello; a subvención municipal da conversión e obtención das certificacións, pola vía do establecemento dunha dotación económica nos orzamentos 2020 a través de catro partidas específicas; e a posta en marcha dun taller de emprego sobre agricultura ecolóxica dirixido a mozos desempregados/as con sensibilidade polo mundo rural.

Outro Plan Municipal, neste caso de ordenación das actuacións sobre os diferentes camiños e pistas, é a proposta de Vilalba Aberta para superar a “tradicional política de rebacheo posta en marcha nos meses previos aos períodos electorais.”

“Aplicaremos criterios obxectivos que veñan a regular e organizar a actuación sobre as múltiples pistas e camiños da extensa rede viaria de titularidade municipal, orzamentando a atención inmediata aos casos máis urxentes e utilizando os medios propios dispoñibles, para solucionar a situación ata onde sexa posible, dándose preferencia ás vías en peor estado.” Remarcou Modesto Renda.

á xa anunciada creación dun fondo de compensación municipal complementario ás axudas da Xunta por danos de lobo e xabaril nos cultivos e no gando, séguelle outro dos “cabalos de batalla” da formación ao longo da lexislatura que remata , isto é: “a necesidade de reverter a actual política de sulfatado”, pola vía da inmediata prohibición do uso non agrario de herbicidas con Glifosato en todo o termo municipal.

“O Goberno Municipal de Vilalba Aberta apostará decididamente por métodos mecánicos e/ou térmicos non contaminantes, que non danen a saúde nin o medio ambiente.” Lembrou, a este respecto, Modesto Renda. Uns métodos, que xa se están a aplicar na maioría de países da Unión Europea e que teñen, ademais, un maior potencial en termos de xeración de emprego.

Concellos como Ames, Ponteareas, Marín, Arzúa, A Coruña ou Santiago xa se declararon libres deste herbicida. Se Goberna Vilalba Aberta, Vilalba será o seguinte.

O control municipal ao respecto da recollida dos plásticos do silo, é outra das prioridades de programa para a formación. “Hai que por fin ao deixamento de funcións do Goberno Municipal, en relación coa situación de incumprimento sistemático da normativa municipal.” Apuntou María Xosé Fernández.

“O Goberno Municipal é o encargado último de velar por que os plásticos de uso agrícola se depositen nos puntos especificamente habilitados e actuaremos nese sentido, escoitando e dialogando coa veciñanza das parroquias e facilitándolle, de ser preciso, unha alternativa de recollida.” Remarcou Modesto Renda.

Etiquetas