Vilalba Aberta presenta o seu programa de benestar animal

Vilalba Aberta vén de facer público o seu programa en materia de benestar animal. Cinco liñas de goberno “claras e estruturadas”, coas que aspiran “facer do Concello de Vilalba un referente en materia de tenza responsable e protección animal”

Tal e como explicou o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, “a correcta recollida e atención temporal dos animais domésticos abandonados ou vagabundos, ata a súa recuperación polos propietarios ou a súa entrega en adopción, será unha prioridade municipal para o goberno que aspiramos encabezar”

Neste senso, a súa primeira proposta de vincular a execución da nova fase do Polígono Industrial á construción dun Centro Municipal de Protección Animal. Un proxecto que, tal e como figura no programa da formación, será xestionado en colaboración co asociacionismo en defensa dos animais local e posibilitará albergar nas mellores condicións de espazo a entre 20 e 25 cans e a un mínimo de 10 gatos. A este respecto, contará cunha distribución interior e outra exterior ou de esparexemento individual valada perimetralmente, ademais dunha área específica destinada á ubicación das gateiras.

“Dúas naves nunha, de tal forma que se poida habilitar de forma independente o uso de ambas.”, lembrou Modesto Renda.
Unha medida, que, tal e como lembrou a número 6 da formación, María Pérez, “dará pé á contratación directa de 2 persoas (unha delas con titulación veterinaria), co fin de que, en quendas de mañá e tarde, se ocupen da xestión das instalacións, organización administrativa, información ao público, así coma da atención clínica dos animais albergados.”

NOVA ORDENANZA DE PROTECCIÓN E TENZA RESPONSABLE

A aprobación dunha Ordenanza Municipal de Protección, Benestar e Tenza Responsable, será outra das prioridade de Vilalba Aberta no caso de alcanzar o Goberno Municipal.

“Pretendemos protexer, defender e fiscalizar os dereitos dos animais, así coma regular os dereitos e deberes dos seus propietarios e a propia convivencia entre os animais que viven na contorna urbana e rural e os seus habitantes.” Apunto, a este respecto Renda.

Unha profunda revisión, con respecto ao papel exercido ata o de agora polo Concello, en base ao aumento das sancións en tres tramos diferenciados, tendo a consideración de leves (de 150€ a 500€ de multa), graves (de 500€ a 1500€) e moi graves (de 1500€ a 15000€) as seguintes infraccións: Ensuciar cos excrementos dos animais as beirarrúas, vías urbanas, espazos públicos e calquera o lugar destinado ao tránsito de peóns (150€); a posesión dun can sen microchip de identificación (500€);o abandono non reiterado dun animal (1000€); a venda ambulante de cans e gatos nos mercados e as feiras (1500€); a abandono reiterado dun animal (5000€); e a esterilización, a práctica de mutilacións e o sacrificio de animais sen control veterinario (15000€).

“Para loitar contra a lacra do abandono, as voluntarias/os en defensa dos animais realizan enormes esforzos, dignos de eloxio, para coidar, esterilizar e dar en adopción aos animais abandonados.” Lembrou María Pérez. Con todo, e a fin de avanzar cara a unha solución, a nova Ordenanza prevé tamén a posta en marcha de campañas municipais educativas e de concienciación social contra o abandono e a favor da adopción; programas continuados de esterilización de cans e gatos, tanto daqueles que se atopen tutelados, como dos que vivan na rúa, no caso dos gatos; a blindaxe dunha dotación orzamentaria suficiente (soamente ampliable) para o Centro de Protección Animal e a asociación colaboradora; e a aplicación do método CES (Captura – Esterilización – Solta) para o control e coidado das colonias felinas, en base ao elevado número de gatos que viven nas rúas da vila.

“Trátase dun modelo ético, práctico e de eficacia contrastada en numerosas vilas e Concellos, pois ao tempo que garante a defensa das necesidades das colonias, reduce e actúa progresivamente sobre a problemática da sobrepoboación.” Lembrou Modesto Renda.

A eliminación da taxa relativa á expedición ou renovación da licenza de tenencia de PPP (cans potencialmente perigosos), será outro aspecto a abordar na Ordenanza prevista por Vilalba Aberta. “Non parece lóxico que se lle estea a cobrar aos veciños/as unha taxa abusiva, ao tempo que noutros concellos o custe é 0.” remarcou María Pérez.

ZONAS DE ESPAREXEMENTO CANINO

A habilitación de entre unha e dúas Zonas de Esparexemento Canino (máis coñecidas nas cidades coma Pipicán) vía aluguer ou compra de terreos por parte do Concello, é a terceira proposta do programa de Vilalba Aberta en materia de benestar e protección animal.

“A maior sensibilidade social cara aos animais traduciuse tamén nun maior número de familias e persoas que comparten a súa vida con animais domésticos ou de compañía, en pisos ou vivendas urbanas. Animais que, a pesares dos esforzos e desvelos dos seus donos, pasan encerrados máis de 20 horas nas vivendas e cuxas saídas para correr, socializar e xogar se reducen aos límites dunha correa por imperativo legal.” Explicou Modesto Renda.

Neste senso, a delimitación de entre unha e dúas zonas verdes valadas, coa iluminación adecuada, papeleiras, sinalización vertical e pensadas para que os animais poidan permanecer (acompañados dos seus donos) soltos, tal e como se prevé no seu programa, axudará, en palabras de María Pérez, aos cans para “desafogar as súas enerxías, librarse por un intre da correa e facer exercicio xogando e socializando entre eles, o cal é básico para ter cans sans, felices e sen comportamentos problemáticos. E todo iso nunha contorna segura onde non corren risco de ser atropelados ou perderse.”

CREACIÓN DA CONCELLERÍA DE DEFENSA ANIMAL

A creación dunha Concellería de Defensa Animal, que centralice as competencias e estea asesorada polo asociacionismo en defensa dos animais local, figura no programa de Vilalba Aberta coma “un departamento con competencias exclusivas no ámbito da defensa dos animais, que facilite o labor da Administración á hora de evitar as prácticas ilegais ou que supoñan un prexuízo para estes.”

Ademais, habilitarase, a través da mesma, un teléfono gratuíto que facilite á veciñanza toda a información relativa á protección dos animais: contactos coas asociacións, co Centro Municipal de Protección Animal, comunicación con Protección Civil ou coa Policía ou Garda Civil para a interposición de denuncias por malos tratos, etc.

VILALBA LIBRE DE CIRCOS CON ANIMAIS SALVAXES

“A Unesco prohibiu en 1978 a explotación dos animais cun fin lúdico e a nova lexislación afirma que as instalacións circenses non respectan o benestar animal ao non ter a capacidade de satisfacer as condicións fisiolóxicas, mentais e sociais dos animais. Ademais, a vida circense comporta horas e horas de transporte dunhas cidades a outras en reducidas gaiolas e, a miúdo, atados en espazos insalubres e que chegan a alcanzar nalgúns casos temperaturas extremas.” Apuntou Modesto Renda.

“Por estas razóns, non autorizaremos a instalación deste tipo de espectáculos elevando a rango de ordenanza municipal a prohibición.” Sentenciou.

Etiquetas